Os pasos de peóns na Rolda Leste, un "erro claro" que se subsanará "canto antes"

Por Alejandro Espiño
A Rolda Leste terá pasos de peóns, tal e como solicitan os veciños. Así o anunciou este venres o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, que recoñeceu que a ausencia destes itinerarios seguros é un "erro claro" do proxecto.
"Os veciños teñen razón nese aspecto", asegurou Mosquera, que avanzou que esta cuestión será emendada "canto antes".
Estes pasos de peóns, que serán sobreelevados, "estiveron debuxados varias veces no proxecto", pero polos continuos cambios e atrasos que se produciron na súa execución finalmente non figuraron no trazado definitivo.
Un dos dous proxectados inicialmente, para unir a zona do Albeiro (Marcón) coa Parda a través de Pedra do Lagarto, "farase seguro", indicou o vicepresidente provincial; mentres que o segundo, un pouco máis arriba da rotonda, "necesitará actuacións complementarias" que poderían atrasar a súa execución.
Os técnicos provinciais, garantiu Mosquera, están a realizar un seguimento "estrito" para ver como está a funcionar este novo vial, tras o cal acometeranse unha "batería" de pequenas actuacións para corrixir os problemas que se detecten.
A este respecto, o edil do BNG advertiu que nas primeiras horas de apertura ao tráfico xa se detectou un comportamento que "pica" a un exceso de velocidade "claro" por parte dos condutores, polo que "iremos tomando as decisión que correspondan".
O PP PIDE ATENDER AS DEMANDAS DOS VECIÑOS
A este respecto, a portavoz do grupo provincial do PP na Deputación, Pepa Pardo, esixiu ao goberno que atendan as demandas dos veciños que reclaman medidas de seguridade na Rolda Leste e criticou que se abrira a estrada ao tráfico sen dar resposta a unha petición "sinxela, clara e lóxica" relacionada coa seguridade viaria.
A deputada popular recorda que estes veciños entregaron 600 sinaturas en 2015 para reclamar cambios no proxecto da Ronda Leste, aspectos que non foron incluídos no proxecto final a pesar de todos os atrasos que sufriu esta obra.
Ademais, Pepa Pardo lamentou a "pouca cintura política" de Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores por "negarse a falar cos veciños e escoitar o que lles tiñan que dicir".
Relacionadas:
-
Instalados os lombos para reducir a velocidade na Rolda Leste
Por Redacción |
-
O 90% dos vehículos que circulan pola Rolda Leste superan o límite de velocidade, fixado en 30 km/h
Por Redacción |
-
Anuncian inminentes controis policiais na Rolda Leste para evitar que a media de velocidade continúe en 60 km/h
Por Redacción |
-
Malestar veciñal pola falta de pasos de peóns na nova Rolda Leste
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra estrea a súa ansiada Rolda Leste coa súa apertura ao tráfico
Por Alejandro Espiño |