A Xunta repartirá 3.000 composteiros entre concellos e centros escolares o próximo ano
Por Redacción
A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartirá o próximo ano 3.000 composteiros entre centros educativos, colectivos sociais e concellos de forma gratuíta.
Así o explicou este luns a conselleira Ángeles Vázquez durante a súa visita a Marín na que aproveitou para facer balance do programa de compostaxe doméstica que xestiona Sogama e avanzar que o próximo ano o seu departamento volverá convocar unha liña de axudas de 2,6 millóns de auros para colaborar cos municipios na xestión de residuos urbanos.
Lembrou a conselleira que máis do 40% dos residuos producidos polos fogares están compostos por materia orgánica, polo que é moi importante recoller e tratar de forma adecuada estes biorresiduos para conseguir que só cheguen ás entulleiras aquel lixo que sexa imposible reciclar. A produción de compost contribúe a reducir as emisións de diósxido de carbono, é un fertilizante de calidade e reduce os gastos de recollida de lixo, detallou Vázquez.
Para apoiar aos concellos neste ámbito, a Xunta reservará, dos orzamentos do 2020, preto de seis millóns de euros para mellorar a xestión da fracción orgánica do lixo e avanzar cara á súa valorización.
Unha medida que poñerán en marcha para conseguilo está relacionada cunha partida de cinco millóns de euros destinada a iniciar a posta en marcha de tres novas plantas públicas de tratamento de biorresiduos domésticos, unha en cada provincia que servirán de complemento para a xa existente en Cerceda.
Desde a posta en marcha deste programa de compostaxe, Sogama repartiu xa 10.900 colectores de entre 360 e 400 litros de capacidade. Entre eles, destaca a campaña de compostaxe escolar, do que se beneficiarán este curso preto de 10.000 alumnos de 30 centros de Educación Infantil e Primaria.
Relacionadas:
-
Marín estuda cinco zonas semiurbanas para instalar composteiros comunitarios
Por Redacción |
-
A compostaxe individual chega a Campañó con varias charlas informativas
Por Redacción |
-
Tomeza recibirá os primeiros composteiros individuais a partir do 16 de setembro
Por Almu Dapena |
-
Pontevedra inicia o reparto de 8.000 composteiros polas parroquias
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra supera os obxectivos fixados pola Xunta para 2030 na Estratexia Galega de Economía Circular
Por Redacción |