Pontevedra contratará once mulleres vítimas da violencia machista
Por Alejandro Espiño
Once mulleres que foron vítimas da violencia machista comezarán a traballar en breve no Concello de Pontevedra. Farano a través dun programa, subvencionado pola Xunta de Galicia, que lles permitirá acceder a un contrato laboral durante un ano.
En concreto, o Concello recibirá 304.000 euros para financiar estas contratacións.
Todas as beneficiarias deste programa, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade, son mulleres que residen en Pontevedra.
Os seus novos postos de traballo estarán en diferentes servizos municipais, que non se detallaron para protexer a súa identidade, en base ás súas capacitacións profesionais e as súas respectivas formacións académicas.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, celebrou a posta en marcha desta iniciativa, ao entender que supón un "paso necesario" para visibilizar a este colectivo e para que estas mulleres poidan lograr a súa plena inclusión laboral.
Para acceder a estes contratos, as mulleres debían estar inscritas no servizo público de emprego de Galicia, cesar a convivencia co seu agresor e acreditar ser vítima da violencia machista.
Para isto último, debían achegar, entre outros, unha sentenza xudicial, un informe da Fiscalía ou dos servizos sociais ou unha certificación de ter unha orde de protección.
RENOVACIÓN DO QUIOSCO DA ILLA DAS ESCULTURAS
A Xunta de Goberno, ademais, concedeu un ano máis de prórroga ao concesionario do quiosco situado na Illa das Esculturas, á beira do parque infantil. É o terceiro do máximo de dez anos no que poderá explotar esta instalación. Para iso terá que abonar ao Concello un canon de 3.479,07 euros.
Relacionadas:
-
O PP pide reforzar o CIM ante a "avalancha" de solicitudes de axuda por casos de violencia de xénero
Por Redacción |
-
Pontevedra viste de negro "como símbolo de loito e de loita" contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
"Tolerancia cero" en Pontevedra para que a violencia machista "non siga actuando impunemente"
Por Alejandro Espiño |
-
Un berro ben alto contra o "terrorismo machista"
Por Redacción |