O espírito do Nadal chega á praza de abastos
Por Redacción
O espírito do Nadal xa chegou á praza de abastos de Pontevedra. As instalacións estrearon novas luces e decoración e preparan un amplo programa de actividades e obradoiros para todas as idadess.
A programación, impulsada pola Concellería de Promoción Económica, que dirixe Yoya Blanco, inclúe obradoiros infantís; obradoiros de cociña para adultos; charlas con expertos en peixes, marisco, carnes e hortas; catas de cervexa, viño e vermús; e un mercado de Nadal con artesanías de todo tipo.
A programación realizarase entre os días 20 de decembro e 3 de xaneiro e a concelleira Yoya Blanco suliñou o seu enorme interese tanto para os máis pequenos, que son os grandes protagonistas nestas datas, como para os seus pais.
"Poucos lugares se me ocorren con máis espírito de Nadal que o Mercado", sinala a concelleira socialista, que engade que a praza é unha aposta segura para adquirir o mellor xénero de cara ás comidas e ceas destas datas.
O Mercado de Nadal contará cuns 15 postos orientados esencialmente cara a artesanía creativa e con outros para o desenvolvemento de obradoiros para os máis pequenos. A súa inauguración, o día 20 de decembro ás 12.00 horas, coincidirá cunha visita de Papá Noel e cun taller gastronómico sobre a 'Importancia dun Menú Infantil Saudable'.
Para o sábado 21 de decembro están previstos obradoiros para os máis pequenos ás 17.00 horas, unha cata de vermú ás 19.00 horas e unha charla interactiva de Javi Bermejo e os seus Robotizz ás 20.00 horas.
O domingo 22 celebraranse un taller xuvenil titulado 'Xoga a ser Fotógrafos', destinado a rapaces de entre 7 e 12 anos (para o que é preciso dispoñer dunha cámara ou de teléfono móbil), ás 18.30 horas, e unha cata de viños ás 20.00 horas, mentres que o luns 23 ás 19.00 horas terá lugar o obradoiro gastronómico 'As 5 W's da Cociña Saudable'.
O día 26 retomaranse os talleres de lecer infantil, no seu horario habitual das 17.30 horas, e ás 20.00 horas celebrarase a presentación de 'Fento, Moda Sustentable Galega. da Remendaxe ao Upcycling'. O venres 27, unha experta praceira protagonizará ás 19.00 horas unha charla coa que descubrir os segredos do marisco galego, e ás 20.00 horas desenvolverase unha sesión de Teatro Máxico.
Un taller de Confección e Patronaxe para nenos de 8 a 12 anos e unha conferencia sobre os diferentes tipos e usos centrarán o programa de actividades do 28 de decembro, mentres que para o día 29 está prevista a vídeo-proxección dos proxectos sociais e artesanais de Cetácea (moda vegana), Adopta Unha Prenda (reciclaxe e modificación de prendas usadas) e Oui Jane (moda feminista).
O luns 30 haberá novos obradoiros infantís ás 17.30 horas, o taller gastronómico 'Pontevedra, a Provincia 48 do Xapón' ás 19.00 horas e un pasarrúas da Biblioteca Máxica polo Mercado ás 20.00 horas.
A acción retomarase o xoves 2 de xaneiro cun novo obradoiro xuvenil 'Xogar a Ser Fotógraf@s', continuará o venres 3 cunha charla sobre 'A Horta Ecolóxica' (ás 19.00 horas) e clausurarase o sábado 4 con talleres infantís e unha sesión de Lectura Máxica.
Relacionadas:
-
Xa hai facilidades para facer compra na praza de abastos sen saír de casa
Por Marisa Ciordia |
-
O temporal amarra a frota e pon o prezo do marisco polas nubes
Por Manu Otero |
-
As 'nadaladas' encherán de cor a Praza do Teucro ata a noite de Reis
Por Redacción |
-
Os Chichisos buscan xente para cantar "os Reis"
Por Redacción |
-
'Eu son o Mercado' pon nome e cara aos praceiros de Pontevedra
Por Redacción |