Cuntis solicita á Xunta a mellora de camiños e a modificación dunha liña eléctrica nas parcelarias de Troáns
Por Redacción
A situación das parcelarias de Troáns I e II, no municipio de Cuntis, foi analizada este martes polo alcalde, Manuel Campos; o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Dubois; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís.
Na reunión, o rexedor socialista manifestou a súa preocupación pola afección dunha liña eléctrica ao proxecto de Troáns I, polo que pediu ao executivo autonómico que medie ante Rede Eléctrica para variar o trazado dunha torreta planificada para a zona de Tivo.
Neste mesmo polígono, mostrou tamén o seu interese para que Infraestruturas Agrarias estude a execución de varios camiños que resultarían esenciais para o desenvolvemento da parcelaria.
En referencia á zona de Troáns II, o mandatario cuntiense solicitou a mellora dunha pista en Vilabar de Abaixo que serviría como variante entre Cuntis e Moraña.
Dubois explicou ao alcalde que no caso de Troáns II cóntase xa cun acordo definitivo, mentres que en Troáns I xa están redactadas as bases definitivas e esperan aprobalas no primeiro trimestre do próximo ano. Estas concentracións parcelarias contan con 729 e 465 propietarios respectivamente e afecta a 354 e 147 hectáreas cada un cun númoeri de parcelas que van desde as 5.280 de Troáns I ás 2.917 de Troáns II.
Outro aspecto que tratou o rexedor foi a eliminación dos marcos das parcelas da zona de Troáns II, debido a que están situados na zona de dominio público das estradas municipais e algúns deles están mesmo no propio asfalto. Desde a Xunta comprometéronse a liquidar este problema, aínda que do resto de peticións aínda non transcendeu ningunha conclusión.
Quixo destacar Campos que desde que colleu o bastón de mando no 2015 fóronse dando pasos firmes na conclusión destas dúas concentracións, que se atopaban paralizadas desde entón.
"Cando chegamos ao goberno intensificamos ou traballo coa delegación da Xunta para ir dando pasos de cara ao seu remate e nesta reunión trasladamos os problemas reais dos veciños, cos cales fomos tendo reunións nos distintos lugares", rematou o alcalde.
Relacionadas:
-
O alcalde de Cuntis pregunta ao delegado da Xunta polos dous procesos de concentración parcelaria en curso
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis informa de que a consulta sobre a parcelaria de Troáns deberá facerse por teléfono ou na web
Por Redacción |
-
Cuntis pon en marcha a construción dunha rede secundaria de camiños en terreos da parcelaria de Troáns
Por Redacción |
-
Unha liña de alta tensión cruzará os montes de Troáns
Por Redacción |
-
Queixas dos veciños de Cuntis polos marcos de delimitación viaria
Por Redacción |