Así se deixou notar o temporal de vento "Fabien"
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Tras o paso de Elsa pola península, un novo adverso meteorolóxico –o temporal Fabien– pon este sábado en alerta a toda Galicia. É a terceira borrasca profunda en menos dunha semana que varre as Rías Baixas. Así está a se deixar notar Fabién durante este sábado.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de rexistrar un total de 539 incidencias relacionadas co paso da borrasca pola nosa comunidade entres as 00:00 e as 18:00 horas do sábado. Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 214 incidencias contabilizadas, Pontevedra con 151, seguida de Lugo con 127 e Ourense con 45 incidencias.
SANXENXO
No Concello de Sanxenxo informou que o Servizo de Emerxencias de Sanxenxo tivo que intervir para asegurar a cuberta do mercado de Portonovo, para retirar árbores caídas na estrada en Dorrón no Sear, para asegurar o báculo dun farol situado na praia da Lanzada, xusto detrás da escultura do corvo mariño, e outro farol no aparcamento de Ardora. Ademais tiveron que retirar chapas e cristais e uns ferros de uralita na Perla.
CUNTIS
O Concello de Cuntis informou do traballo da agrupación local de Protección Civil para retirar unha árbore que caeu sobre a Nacional 640 ao seu paso por ese municipio, contando coa colaboración da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento de estradas de Fomento.
PONTEVEDRA
En Pontevedra, o Concello informou que os bombeiros tiveron que atender a caída dunhas ramas sobre o paseo da Xunqueira de Alba, en Ponte das Cabras e una árbore no paseo do Lérez preto da estación de bombeo en Monte Porreiro.
Outras incidencias foron a retirada dun foco da iluminación na Rúa Nova de Arriba e adornos de Nadal nas rúas Oliva, Ramón Pena e Rosalía de Castro. Ademáis, unha árbore rompeu varias tellas do muíño de Cabanas que foi restaurado no ano 2011 pola Asociación Heroes do Campo da Porta de Salcedo e Vaipolorío.
Foron numerosos os contedores desprazados polo vento en toda a cidade, e estes elementos causaron danos nas rúas Ramón Peña, Augusto García Sánchez, e Manuel del Palacio. Caeu un muro en Fontáns, na parroquia de Xeve.
Tamén se cortou un carril na estrada PO-11, popularmente coñecida como a autovía a Marín, debido a que a calzada se asolagou parcialmente durante a pleamar. Ademais voaron elementos do tellado de dous inmoble na parroquia de Lérez e os bombeiros retiraron cristais, persianas, chapas ou tellas de diversos edificios das rúas Sarmiento, Echegaray, Loureiro Crespo, Praza da Constitución, Luxemburgo e na estatua de A Fundación, na rúa Gonzalez Besada.
Inundouse una casa en Cobas, na parroquia de Salcedo e caeron postes da luz en Ponte Sampaio e Pazos (Marcón), e outro quedou inclinado en Nogueira.
VILAGARCÍA
En Vilagarcía, o Servizo Municipal de Emerxencias tivo que despregar o guindastre na rúa Edelmiro Trillo para asegurar unha fachada da que caeu parte da cornixa.
CALDAS
En Caldas de Reis, a agrupación local de Protección Civil atendeu un desprendemento de tellas sobre un coche aparcado na rúa Sarnadela que obrigou ao peche do vial e aseguraron a zona de Segade de Abaixo onde veu abaixo un muro de contención da estrada.
Relacionadas:
-
O Estado concede 2.900 euros a Ponte Caldelas e a Portas polos danos producidos polos temporais de 2019
Por Redacción |
-
Adxudicadas en Caldas as obras de reposición do muro de contención de Segade
Por Redacción |
-
90 mil euros para resolver os problemas de iluminación provocados polos temporais de decembro
Por Redacción |