Dúas iniciativas solidarias recadan 450 quilos de alimentos para os servizos sociais da Lama
Por Redacción
Os servizos sociais do Concello da Lama recibiron uns 450 quilos de alimentos non perecedoiros recadados en actuacións solidarias levadas a cabo no municipio.
Foi unha recollida organizada polo A Lama S.D. no campo de fútbol municipal de Racelo e o Concerto de Nadal protagonizado pola Banda de Música de Cerdedo, a Banda de Gaitas Os Catro Ventos e o cantautor do mítico Fuxan Os Ventos Xosé Iglesias.
Os alimentos non perecedoiros xa foron catalogados axeitadamente para permitir a confección de lotes variados e completos para atender a demanda do medio cento de usuarios que son atendidos desde o banco local de alimentos.
A solidariedade dos veciños permite aos servizos sociais do Concello encher de novo os almacéns de alimentos cos que conta o banco local e seguir atendendo as demandas que se poidan producir da poboación en risco de exclusión.
Esta atención, recordan desde o Concello, compleméntase tamén con accións e doazóns da Cruz Vermella e da Fundación Amigos de Galicia a través dos convenios subscritos co Concello da Lama e que darán cobertura social nesta materia a todo o ano 2020.