Os Reis Magos comparten cos cativos da Lama unha chocolatada con rosca
Por Redacción
Ducias de nenos e nenas compartiron este domingo unha mañá chea de maxia e ilusión cos Reis Magos, que se achegaron ata A Lama para participar nunha chocolatada no multiusos.
As Súas Maxestades chegaron a bordo de tres Seiscentos máxicos escoltados por membros lamenses de Protección Civil, que fixeron sonar a serea da pick-up de emerxencias que simultaneaba o anuncio da chegada real cos pitidos dos vehículos reais.
Despois de facerse de rogar, as Súas Maxestades deron unha volta polo centro da vila anunciando a súa presenza e congregando a cativos, pais, nais, avós e avoas diante do multiusos, lugar escollido polo Concello para a recepción real aos tres Reis Magos de Oriente.
Unha vez que estacionaron os seus vehículos fronte á entrada do multiusos, o paxe real, a modo de heraldo, fixo atronar a súa campá anunciando a chegada e convidando a nenos e maiores a participar da recepción real e a compartir con eles unha gran chocolatada con rosca.
As Súas Maxestades ocuparon os seus tronos e foron recibindo as derradeiras peticións dos cativos para esta noite máxica, repartindo ademais agasallos e lambetadas.
Para rematar o evento, os reis tomaron a palabra e pediron aos cativos que se deiten cedo esta noite e que lles deixen uns modestos aperitivos para permitirlles continuar toda a noite co seu máxico traballo e o regreso a Oriente.