Proxectan recuperar a imaxe "maxestosa e nobre" da Alameda do século XIX
Por Redacción
Devolver á Alameda de Sesmero a imaxe maxestosa e nobre que tiña cando foi creada, na segunda metade do século XIX, é o obxectivo que se marca o concelleiro Iván Puentes, encargado da área de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.
A primeira acción levará a cabo nas próximas semanas cun investimento de case 18.000 euros, dentro do plan deseñado polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns. A proposta busca revalorizar todo o espazo coa plantación de novas árbores, a mellora da compactación e a corrección da deficiente drenaxe actual do pavimento.
Desta forma, está previsto plantar carballos do país e tileiros de folla pequena. Estas primeiras incorporacións realizaranse na zona norte, situada na parte próxima ao Cafetín e á praza de España, que actualmente é a que presenta unha maior deterioración en relación á estrutura orixinal de presenza de flora, segundo expón Iván Puentes.
O concelleiro argumenta que o exceso de compactación e de mal drenaxe do pavimento afectou de maneira negativa ao arborado actual, que se comproba na aparición de certas patoloxías como a presenza de fungos.
A idea desde esta concellería é mellorar tamén bancos e iluminación nesta contorna. A creación da Alameda, como apunta Puentes, producíase na segunda metade do século XIX, coincidindo coa construción da maioría de edificios públicos como o Consistorio, a Deputación e a Escola Normal, obras proxectadas polo arquitecto Alejandro Sesmero, que dá nome tamén á Alameda, un recinto que foi proxectado con cinco filas de árbores centenarias, na súa maioría plátanos de sombra e carballos, ademais de tileiros e de álamos.
Relacionadas:
-
Cinco tileiros e seis carballos para repoboar a Alameda de Sesmero
Por Redacción |
-
Pontevedra reforzará o investimento nas súas zonas verdes para que sexan "dinámicas e modernas"
Por Alejandro Espiño |
-
Posta a punto das árbores e zonas verdes da Alameda, as Palmeiras e A Ferrería
Por Redacción |
-
Preto de 500 escolares participaron no roteiro dedicado a Alejandro Rodríguez-Sesmero
Por Redacción |
-
A estrea do mural "A pegada de Sesmero" abre o ciclo dedicado ao arquitecto que modernizou Pontevedra
Por Redacción |