Piden tres meses de prórroga para rematar "sen problema" a reforma da ponte do Burgo
Por Alejandro Espiño
Tras quedar apenas sen marxe para acabar as obras no prazo previsto, o goberno municipal solicitará a Bruxelas unha prórroga de tres meses para rematar a reforma da ponte do Burgo. É un trámite obrigado xa que esta actuación é financiada polos fondos europeos FEDER.
O atraso na finalización das obras, que vén xustificada polos técnicos municipais, é debido ás malas condicións climatolóxicas das últimas semanas e da rotura accidental da tubaxe de abastecemento de auga, que provocou a paralización dos traballos durante un tempo.
O edil de Obras, Demetrio Gómez, explicou que "non temos intención ningunha de gastar esa prórroga", pero foi solicitada por prudencia ante a posibilidade de que se produzan novos contratempos durante esta última fase que, nun principio, debería estar rematada o 27 de febreiro.
Mentres tanto as obras continuarán segundo o previsto e, durante os dous próximos días, se levará a cabo o formigonado da praza da cabeceira norte da ponte do Burgo.
Estes traballos obrigarán a cortar o paso peonil nesa área, polo que se habilitará unha ruta alternativa pola marxe do río cara o aparcadoiro disuasorio situado fronte ao pavillón municipal.
Á nova praza se lle dará unha prancha de formigón continua, á que se lle realizarán cortes para facilitar futuras reparacións. Tras esta pavimentación, procederase á colocación do arborado e do mobiliario e, por último, ao asfaltado da calzada.
Estes serán os últimos traballos da obra civil e que permiten o inicio, xa na vindeira semana, da instalación do cableado para a futura iluminación.
A colocación do alumeado, que corre a cargo da empresa adxudicataria SETGA e ten un prazo de tres meses, comprende tres tipos de iluminación: superficial rasante, con puntos azuis que marcarán o Camiño de Santiago; rasante embutida na varanda dirixida cara o taboleiro; e unha terceira que dará luz aos arcos, polo exterior e interior.
Relacionadas:
-
A próxima semana cambia o tráfico no Burgo polo asfaltado de Domingo Fontán
Por Oskar Viéitez |
-
A ponte do Burgo amosa a súa nova iluminación nocturna
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O PP pide ao Concello que pare a obra da ponte do Burgo
Por Oskar Viéitez |
-
Instalan unha baixada provisional para os piragüistas no Burgo
Por Redacción |