Afectados pola creba de Nexia: "Tomáronos o pelo e nolo seguen a tomar. Foi algo premeditado"
Por Alejandro Espiño
Unhas trescentas de empresas de Galicia, Asturias e o norte de Portugal, todas elas provedoras de Nexia Infraestruturas, decidiron unir as súas forzas e crear unha asociación de afectados pola quebra dunha construtora que, segundo denuncian, deixounas nunha situación económica moi delicada.
A súa presidenta, Isabel Couso, asegura que a compañía con sede en Marcón (Pontevedra) debe uns oito millóns de euros a provedores e diferentes sociedades que, ante esta falta de pagamento, "vímonos arrastradas" pola crise da construtora, que mantén con todos eles "débedas moi altas".
O obxectivo desta asociación, segundo Couso, é denunciar ante as autoridades os "procedementos ilícitos desta xente", ao entender que "nos enganaron" para que seguisen traballando para eles "a pesar de que xa sabían cal era a súa situación".
"Tomáronnos o pelo e nolo seguen a tomar. Foi algo premeditado", denunciou a presidenta do colectivo de afectados, que reclama que os organismos públicos "nos axuden e nos tendan a man" para evitar que moitas outras compañías creben polas débedas que Nexia contraeu con elas e que "será moi difícil recuperar".
Nexia, que era unha das empresas máis coñecidas e reputadas no sector ata a data, cambiou recentemente de titulares, tanto a nivel de capital social como de administración. Explican os afectados que o seu anterior responsable, Pablo Valiñas, quen se presume fuxido a Panamá, "podería estar a constituír outras sociedades de similar obxecto social".
De feito, Isabel Couso desconfía que a sociedade que se fixo cargo dos activos da empresa e comprou o que queda de Nexia é unha "empresa pantalla" e acusou aos seus responsables de "provocar eles mesmos esta situación".
Ante esta crise, Nexia perdeu numerosos contratos públicos e, actualmente, non ten actividade algunha e os seus empregados foron dados de baixa "de oficio", segundo a presidenta do colectivo de afectados, e os seus novos xerentes "non dan a cara".
Moitas das empresas afectadas xa se organizaron e, máis dunha trintena, puxeron en marcha acciones xudiciais para reclamar "polas vías que procedan" a falta de pagamento e prexuízos que sufriron por traballar con Nexia. "Aquí hai moita tela aínda por cortar", advertiu a presidenta da asociación.