Sanxenxo propón crear un museo de cultura gastronómica no Pazo de Quintáns
Por Redacción
O estudo encargado polo Concello de Sanxenxo sobre os usos e a viabilidade como museo do Pazo de Quintáns é claro. Descarta converter estas instalacións nun museo da paisaxe cultural da Lanzada e aposta porque este inmoble situado en Noalla sexa a futura sede dun museo da cultura gastronómica das Rías Baixas.
O documento entende que un museo de contido arqueolóxico tería unha "gran complexidade" legal e técnica, xa que o Museo de Pontevedra non está interesado nel e ese proxecto tería unha viabilidade económica "escasa" polo alto custo que supoñería contratar arqueolóxicos, conservadores e restauradores.
Ademais, advirte que sería unha "reiteración" doutros proxectos en marcha como a musealización das escavacións arqueolóxicas do xacemento da Lanzada.
Por iso é polo que os expertos propuxesen unha nova orientación do Pazo de Quintáns e consideren que ese museo gastronómico adaptaríase "perfectamente" ás características do edificio e os seus xardíns.
Entenden que sería un centro "singular" e único en Galicia que atraería novos visitantes especialmente na tempada baixa e que contribuiría a dinamizar a restauración e a hostalería do municipio. O proxecto ademais "encaixaría perfectamente" no plan enogastronómico aprobado pola Xunta para 2018 - 2022.
As funcións que tería este museo gastronómico serían a promoción, difusión e protección do patrimonio e a cultura gastronómica de Rías Baixas; o impulso e desenvolvemento do coñecemento, contribuíndo ao intercambio de ideas e experiencias gastronómicas; e a formación e investigación ao servizo da hostalería e a restauración.
O estudo propón "lixeiros cambios" na distribución interior do edificio auxiliar do pazo, así como o seu equipamento cunha serie de electrodomésticos e sistemas tecnolóxicos.
O museo gastronómico contaría con sete espazos diferenciados, entre eles, recepción e punto de información, bar, cafetería e córner gastronómico para a venda de produtos, un espazo para realizar presentacións e outro para eventos e actividades no xardín interior e exterior onde haberá unha carpa de 240 metros cadrados e zona de apoio no hórreo.
Haberá ademais unha aula para cursos de formación, unha aula de gastronomía e un espazo de exposición permanente equipado con mesa de proxección interactiva e táctil, proxectores de vídeos e muros retroiluminados.
O estudo inclúe un plan de viabilidade no que se calculan os ingresos e os gastos previstos nos tres primeiros anos de funcionamento, período no que o centro prevé alcanzar uns ingresos de 117.098 euros e uns gastos de 191.000 euros.
Sanxenxo asegura que un centro destas características ofrece unha "oportunidade única" para posicionarse como un destino gastronómico "para amantes do bo comer", xente que acuda ao municipio "para gozar da calidade da nosa cociña, desde o tapeo máis sinxelo aos mellores mariscos e peixes".
Relacionadas:
-
Sanxenxo aproba un protocolo para reabrir con seguridade as casas de cultura
Por Redacción |
-
Sanxenxo habilitará un estacionamento para o Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
O Pazo de Quintáns recupera a súa emblemática galería
Por Redacción |
-
O Pazo de Quintáns, camiño de ser o centro organizador de propostas turísticas culturais en Sanxenxo
Por Redacción |
-
A rehabilitación do Pazo de Quintáns xa permitiu asegurar a súa estrutura
Por Redacción |
-
A rehabilitación do Pazo de Quintáns entra nunha nova fase
Por Redacción |