Dous novos falecidos por coronavirus na área sanitaria, que alcanza as oito vítimas mortais e 366 positivos
Por Natalia Puga
Unha muller de 89 anos e un home de 81 elevan a oito o número de vítimas mortais por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A muller faleceu este luns e o home este mesmo martes, segundo a última actualización de datos facilitada.
A muller de 89 anos falecida o luns estaba ingresada en Montecelo e presentaba patoloxías previas. O paciente de 81 anos que morreu este martes tamén estaba ingresado en Montecelo afectado de patoloxías previas.
A área sanitaria sumou na última xornada 18 novos casos activos de coronavirus, un incremento diario inferior ao das últimas xornadas e que eleva a 366 o total de positivos confirmados desde o inicio da alerta sanitaria.
Segundo a actualización de datos deste martes, nos hospitais da área sanitaria hai un total de 110 persoas ingresadas con esta enfermidade, dúas máis que un día antes. Este luns había 348 casos activos, 108 deles hospitalizados.
En total, dos 110 hospitalizados, 93 están ingresados e illados en planta e 17 son pacientes que están na UCI. Hai, en total, dous pacientes graves na Unidade de Coidados Intensivos que un día antes.
Dos ingresados en planta, 17 permanecen no Hospital do Salnés, un no hospital Quirón Domínguez de Pontevedra e o resto en Montecelo. O resto de positivos, un total de 256 persoas están nos seus domicilios.
Ata o de agora rexistrouse na área sanitaria 20 altas de pacientes que foron casos confirmados e agora están de alta médica tras dar negativo ao repetir as probas de coronavirus. Catro destes enfermos recibiron o alta na última xornada.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 3.758, deles 817 son da área da Coruña, 371 da de Lugo, 520 da de Ourense, 928 da área de Vigo, 547 da de Santiago, e 209 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 147 permanecen en UCI, 822 están en unidades de hospitalización e 2.789 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 187 altas de pacientes e 94 falecementos.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Repunte de afectados por coronavirus na área sanitaria, con 32 novos casos activos para un total de 425
Por Diego Espiño |
-
Un novo falecido e 12 altas de pacientes de coronavirus na área sanitaria, que rexistra un total de 393 casos activos
Por Diego Espiño |
-
A área sanitaria suma 16 novos positivos nun día e acumula 382 desde o inicio da alerta por coronavirus
Por Natalia Puga |
-
VIDEO.- Nenos e adultos envían cartas de ánimo a pacientes ingresados ou illados polo coronavirus
Por Redacción |
-
Os casos activos de coronavirus na área sanitaria ascenden ata os 348
Por Diego Espiño |