Moraña facilita o papeleo cunha xestión alternativa para solicitar axudas durante esta crise
Por Redacción
Os certificados de empadroamento, rexistros ou calquera outro documento municipal necesario para solicitar axudas ao Goberno central, a Xunta de Galicia ou ao propio Concello contarán cunha tramitación máis sinxela no municipio de Moraña, segundo informa o goberno local.
Desta forma, aqueles morañeses que precisen realizar algún trámite, precisos nestes momentos para compensar os efectos socioeconómicos derivados da crise provocada polo COVID-19, poden realizar as solicitudes por vía telefónica no 986 55 30 05 ou a través do correo electrónico concello@morana.org
O requisito que se solicita é a acreditación de identidade. Desta forma, sinala a alcaldesa Luisa Piñeiro, quérese habilitar unha alternativa para aquelas persoas que teñan dificultades para acceder á sede electrónica.
Ademais, o Concello informa de que a empresa subministradora eléctrica Naturgy, que serve á práctica totalidade do municipio, ofrece diferentes accións de apoio á veciñanza e pequenas e medianas empresas a través do financiamento sen xuros do seu próximas tres facturas de luz, gas e servizos. Desta forma, as persoas interesadas poderán pagar de maneira fraccionada desde o mes de outubro durante doce meses. A compañía, segundo o goberno local, ofrece tamén un servizo de reparación en menos de tres horas para avarías urxentes durante este período de estado de alarma.