Protesta da CIG na Subdelegación en pleno confinamento para reclamar ingresos e seguridade para a clase traballadora
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
O sindicato nacionalista CIG realizaba este xoves unhas mobilizacións simbólicas nas sete principais cidades de Galicia. Tratábase de actos nos que participaban varios delegados da central nacionalista para reclamar ao Goberno ingresos e salarios dignos, ademais de protección social e seguridade nos centros de traballo.
Paulo Carril, secretario xeral da CIG, explicaba que se adoptou a decisión de realizar estas accións despois de semanas de trasladar propostas, reclamacións e denuncias que non foron atendidas nin polas administracións nin polo sector empresarial. Reivindican a cobranza do paro e dos salarios, porque a falta de ingresos empobrece moito máis ao conxunto da poboación traballadora. Ademais reclaman medidas de protección social para todas as persoas sen discriminacións, un control estrito das medidas de seguridade na actividade laboral e respecto polos dereitos e liberdades civís.
Ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra reuníanse menos de vinte delegados sindicais para realizar esta protesta. Minutos despois, dúas patrullas da Policía Nacional identifacaban na Praza da Ferrería a varios dos participantes na concentración. Agora a Subdelegación decidirá se se trata dunha acción sancionable e, nese caso, procedería a imposición dunha multa.
Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, confirmaba a PontevedraViva que axentes da Policía Nacional pedíranlles a documentación. O máximo representante da central nacionalista en Pontevedra entende que para un acto destas características, con menos de 20 persoas e cumprindo as medidas de protección ao levar máscaras e gardar distancias, non era necesario solicitar autorización.
"Non somos inconscientes", afirma Conde para a continuación explicar que "en calquera empresa están con menos medidas de seguridade que nós". E alega que estes actos forman parte do labor sindical, que está autorizado dentro da regulación do Estado de Alarma.
Lembra que na comarca hai numerosos traballadores que levan dous meses ou un mes e medio sen cobrar prestacións. "A CIG non pode deixar pasar esta situación", apunta para lembrar ao Goberno do Estado que é necesario que adopte medidas en defensa da clase traballadora.
Relacionadas:
-
Protesta da CIG ante a Xunta contra as políticas laborais e económicas do goberno de Núñez Feijóo
Por Redacción |
-
O Goberno efectúa o pagamento de máis de 88 millóns de euros a 103.764 personas da provincia en ERTE
Por Redacción |
-
Protestas simbólicas da CIG diante de centros de traballo con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral
Por Redacción |
-
A CIG pide que se fagan test a todos os traballadores de ambulancias
Por Oskar Viéitez |
-
Protesta da CIG para reclamar medidas de protección social xustas
Por Anxo Lourido |