Non é unha invasión, os animais salvaxes xa estaban aquí
Por Manu Otero
O illamento provocado pola pandemia do coronavirus detivo de golpe a frenética actividade humana. Acabáronse as présas, baleiráronse as autoestradas e as emisións contaminantes caeron de forma drástica. Esta forzada calma contrasta coa efervescencia que a primavera provoca na natureza e está a brindar a oportunidade en moitos núcleos de poboación de atoparse de novo coa natureza e descubrir veciños que sempre estiveron aí, pero que só de cando en cando se deixaban ver.
"O confinamento chega en época de reprodución de moitas especies e con máis posibilidade de alimento grazas á floración das plantas. Ademais, a baixada dos niveis de contaminación pode facer que mellore a poboación de certos animais máis sensibles aos cambios, como abellas, mariquitas ou vagalumes", explican desde a Asociación Educativa e Cultural Animais do Mundo..
Con todo, colectivos naturalistas, como Adega ou Aecam; rexeitan a idea de que a corentena estea a provocar unha invasión de fauna silvestre nas cidades. "Agora que a nosa presenza é máis limitada, os animais déixanse ver con máis frecuencia", puntualizan desde Aecam. "Débese dicir con rotundidade que non acontece nada fóra do normal coa fauna salvaxe. As gravacións de lobos, corzos, xabarís, raposos ou serpes en zonas urbanas son puntuais. É unha irresponsabilidade concluír que exista unha situación especial de cambios de comportamento na fauna derivados do confinamento", subliñan desde Adega.
Lonxe de ser unha ameaza, o confinamento pode supoñer unha oportunidade para coñecer mellor a contorna que rodea aos asentamentos humanos. "Estamos máis afeitos aos cantos dos paxaros e a ver as súas siluetas recortadas contra o ceo. Moitas especies son moi beneficiosas para nós, tanto na cidade como no campo, porque se alimentan deses molestos mosquitos ou moscas e outros invertebrados prexudiciais para as colleitas", argumentan os fundadores de Aecam, Fátima Otero e Roberto Díaz.
Tampouco especies consideradas unha ameaza para a actividade agrícola e gandeira gañaron terreo pola reclusión humana. "Son moitos os casos de xabarís que baixan ás cidades en busca de alimento ou esnaquizan as colleitas", admite Otero, pero a causa non está no confinamento, pois xa se producían antes. "Os nosos bosques cada vez son máis escasos debido aos incendios que ano tras ano devastan a nosa contorna, se reforesta con especies economicamente rendibles para un pequeno sector, pero que non ofrecen alimento á fauna e empobrecen o chan impedindo que haxa biodiversidade. Se os animais non teñen comida, é normal que a busquen onde sexa", razoa.
Neste sentido, o colectivo cazadores e agricultores demandan á Xunta que autorice batidas de caza para controlar aos jabalíes. Algo que Adega rexeita frontalmente. "A poboación do xabaril non está descontrolada, senón que carece de xestión, pois a súa situación segue sendo igual que nos últimos anos. De non propiciar outras fórmulas de xestión da especie, amparadas en criterios científicos e rigorosos, a caza por si soa non vai mitigar nunca os danos nas colleitas ou os accidentes de tráfico", aseguran desde Adega.
O lobo é un dos depredadores naturais do xabaril, pero tampouco o confinamento está a favorecer a súa reprodución. "Continúa a lenda do lobo malo cando é o único depredador capaz de manter baixo control ao xabaril. A caza de lobos dispersa as mandas e favorece a aparición de lobos solitarios, que na súa desesperación, atacan ás presas máis fáciles, como a gandería", argumentan desde Aecam pedindo máis protección e comprensión para esta especie.
En Aecam esperan que a pandemia sirva para reflexionar sobre a relación entre o ser humano e a natureza. "Deberiamos reformularnos o noso modo de vida e darnos conta de que unha convivencia entre humanos e animais é necesaria", piden Fátima e Roberto, quen alerta de que o mantemento do ritmo de vida anterior á pandemia conduce de forma irremediable a "un cambio climático derivado da nosa vida consumista e contaminante que nos matará a todos".
Esta asociación mantén o seu firme compromiso de estudar e divulgar o comportamento das especies animais coas que o ser humano convive. Froito das súas actividades puideron comprobar e captar imaxes da vida en liberdade nos montes da provincia de especies como xinetas, londras, teixugos ou raposos. En Aecam traballan actualmente na redacción dun manual sobre como actuar cando se produce un encontro con animais silvestres e nun informe sobre a fauna salvaxe como bioindicador do clima.
Relacionadas:
-
Atopan unha avelaiona común inmóbil en Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
A avalancha de corredores sorprende a un xabaril na Illa das Esculturas
Por Manu Otero |
-
Reclaman á Deputación axudas para protectoras e clínicas veterinarias
Por Redacción |
-
Está a túa mascota farta de que esteas na casa?
Por Manu Otero |
-
Ornitoloxía contra o aburrimento
Por Redacción |
-
E que comen agora as pombas e gaivotas de cidade?
Por Manu Otero |