O Metrominuto chega a Monte Porreiro acompañado dunha guía comercial
Por Redacción
Coincidindo coa fase 2 da desescalada, o barrio de Monte Porreiro estreará proximamente uns novos paneis informativos que incluirán un Mapa Comercial e un Metrominuto.
A concellería de Promoción Económica e Turismo instalará tres monolitos informativos de rúa, ao tempo que distribuirá pola urbanización impresións en papel destes planos deseñados sobre cartografía convencional.
Os paneis informativos de Monte Porreiro foron concibidos inicialmente para dar satisfacción a unha demanda realizada dende a Asociación de Veciños O Mirador, que propuxo o deseño dun directorio de empresas comerciais e de servizos asentadas no barrio.
"Naceu así un mapa de negocios, enderezos e teléfonos que contribuirá a un maior coñecemento dos recursos de consumo de proximidade da zona, algo que sen dúbida pode contribuír a promocionar a actividade comercial e a fortalecer as relacións sociais entre a veciñanza", sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.
O mapa comercial contén información sobre 62 entidades, agrupadas en dez das rúas da urbanización: Alemaña, Reino Unido, Suecia, Grecia, Illa de Man, Francia, Armórica, Irlanda, Bélxica e Portugal.
Segundo explica Yoya Blanco, o Metrominuto de Monte Porreiro "segue as normas gráficas establecidas polo Concello para o do casco urbano de Pontevedra, que foi replicado ultimamente por máis de 50 cidades de moi distintos tamaños".
No Metrominuto desenvólvense roteiros medidos, como o seu propio nome indica, en metros e minutos, entre 20 puntos da zona, que ademais de no barrio, tamén se prolongan ata puntos tan transitados como a Illa das Esculturas ou o Mosteiro de San Bieito de Lérez co seu camposanto, entre outros.
O novo Metrominuto tamén contempla os percorridos das dúas principais áreas verdes do contorno: o parque do Miradoiro e as sendas do Lérez por ámbalas marxes do río, entre a pasarela da avenida de Bos Aires e as instalacións de captación de auga.
Así mesmo, o panel do Metrominuto inclúe un directorio telefónico dos principais equipamentos públicos municipais e centros educativos, deportivos e relixiosos do barrio. Os monolitos serán instalados "nos dous principais accesos á urbanización (a glorieta da ponte das Palabras e as inmediacións da Uned) e nun espazo neurálxico da vida do barrio como é o contorno do Acuña da rúa Alemaña", comenta a concelleira.
Relacionadas:
-
A Deputación elaborará 'Metrominutos' para os 'Concellos Ágora'
Por Redacción |
-
"Paseemos e compremos no barrio de Monte Porreiro"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Reapertura das hortas urbanas o próximo sábado 2 de maio
Por Redacción |
-
Metrominuto inspira á Comunidade de Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, referencia para os municipios españois na redución da velocidade nas cidades
Por Redacción |