A Deputación abre o prazo de presentación de proxectos para os premios á mocidade
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ten aberto desde este luns, 1 de xuño, o prazo de presentación de solicitudes para participar na cuarta edición dos Premios Provinciais á Xuventude, que este ano teñen unha dotación económica de 32.000 euros, unha incremento do 45% con respecto ao ano 2019. O prazo non se pechará ata o 31 de agosto.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación, organismo desde o que recomendan a vía telemática en lugar da presencial para minimizar riscos de novos contagios de coronavirus.
A declaración do estado de alarma obrigou a suspender o prazo de presentación de proxectos, previsto inicialmente para o mes de abril. Aínda así, desde o ente provincial xa adiantaran a publicación das bases para que os interesados fosen adiantando os seus proxectos e telos listos para a súa presentación tan pronto se reabrise o proceso.
Nesta edición dos premios as oito categorías que se terán en conta son iniciativa social, empresarial, contido dixital, educación en valores, traballo musical, literario, fotografía orixinal, así como deseño e moda.
Esta última modalidade continúa neste 2020 tras o éxito cultivado na súa estrea na edición anterior. Unha das novidades deste ano é que na modalidade de educación en valores, dirixida a centros de educación secundaria, a idade mínima dos mozos adiántase aos 14 anos, cando antes eran os 16.
Salvo na citada categoría, o certame está aberto á participación de persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que poden concursar nunha ou varias modalidades cun proxecto orixinal en cada unha delas.
Os gañadores recollerán os seus trofeos nunha gala prevista para o último trimestre do ano.
Relacionadas:
-
Os Premios Provinciais á Xuventude xa teñen gañadores
Por Redacción |
-
Presentan 85 proxectos aos Premios á Xuventude da Deputación
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para inscribirse no Certame de Artes Plásticas Novos Valores
Por Redacción |
-
Os Premios Provinciais á Xuventude lánzanse antes e con máis dotación para promover iniciativas durante a corentena
Por Redacción |
-
Entrega dos terceiros Premios Provinciais á Xuventude, marcados polo talento e o optimismo
Por Cristina Saiz & Redacción |