Poio e Meaño reclaman á Xunta unha mellora integral da estrada PO-303
Por Redacción
O Concello de Poio súmase á petición formulada polo Concello de Meaño para reclamar á Xunta de Galicia que acometa unha mellora integral da estrada PO-303, que vai desde a PO-308 (á altura da nova rotonda de Samieira) ata o límite con Meaño, Sanxenxo e Meis.
A Corporación municipal respaldou esta petición, impulsada noutros dos concellos afectados, no Pleno ordinario do pasado mes de febreiro, o último que se puido celebrar de xeito presencial, antes do inicio da crise sanitaria da Covid-19 e da entrada en vigor do estado de alarma.
O Goberno local entende que esta petición debe ser respaldada, máxime cando no tramo da estrada que atravesa boa parte da parroquia de Samieira nunca se acometeu reforma algunha. Neste sentido, o tripartito, formado polo BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio, entende que existe "un trato discriminatorio máis ca evidente" con respecto á parte da PO-303 que pasa polo municipio poiense.
"Este é o único tramo no que non houbo ningunha actuación de relevancia", sinalan os dirixentes, que lembran que no pasado a Xunta de Galicia si que acometeu obras de reforma noutras partes desta estrada fóra do término municipal, como foi a ampliación e mellora do tramo pertencente a Meaño a mediados da pasada década.
O Goberno local lembra que esta estrada presenta na actualidade "un estado moi deficiente" ao seu paso por Samieira, desde a PO-308 ata a rotonda na que conflúen as estradas provinciais EP-9213 (Dorrón, Sanxenxo) e EP-9214 (A Armenteira, Meis). Unha zona que resulta especialmente sensible é o tramo próximo á Praza Alfredo Romay, a igrexa e o cemiterio, onde se atopa un dos núcleos principais de Samieira.
Tal e como sinalou a concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz, son moitos os residentes que amosan a súa preocupación polos choques por alcance que se adoitan a producir neste tramo, debido á gran cantidade de curvas, á escasa posibilidade e ao reducido espazo que existe, por exemplo, á altura da ponte colindante coa praza pública, onde "apenas poden pasar dous turismos".
A ausencia de beirarrúas na práctica totalidade do tramo, a excepción dalgunha zona máis próxima á PO-308, e a mala situación da sinalización horizontal, apenas visible polo estado do firme, son outros motivos de preocupación.
O Goberno municipal ten moi claro que a situación actual da PO-303 "supón un risco para condutores, peóns e veciños" e considera que sería preciso que a Xunta de Galicia tome cartas no asunto. "Resulta incrible que se trate dunha estrada autonómica, cando, en realidade, semella máis un camiño secundario, a pesar do volume de tráfico que soporta de xeito diario, xa que son moitos os veciños que se desprazan ata Meaño, por exemplo, para tomar a Autovía do Salnés".
Na moción respaldada pola Corporación municipal de Poio tamén se fai fincapé na necesidade de dotar á estrada de espazos para viandantes, que actualmente son inexistentes practicamente na totalidade da mesma.
Relacionadas:
-
Moción aprobada por unanimidade para reclamar á Xunta a reforma da PO-303 en Samieira
Por Redacción |
-
Os veciños de Samieira reclaman máis pasos de peóns e beirarrúas na PO-303
Por Redacción |
-
Batería de obras en cinco estradas autonómicas entre Pontevedra e Vilagarcía
Por Redacción |
-
Poio reclamará a mellora do firme da estrada PO-308 que a Xunta agarda acometer nas vindeiras semanas
Por Redacción | Creada e actualizada