Juan Manuel Rey fai un balance positivo do primeiro ano de mandato en Caldas
Por Redacción
O Goberno de Caldas de Reis realizou este luns un balance da xestión municipal tras cumprirse o primeiro ano do actual mandato. O alcalde, Juan Manuel Rey, fixo un repaso polos principais eixos de actuación ao longo destes 12 meses que cualificou como "positivos para Caldas a pesar do coronavirus que nos sorprendeu nos último treito".
O rexedor puxo en valor a capacidade e as ganas do equipo de Goberno "para continuar sacando adiante os proxectos e as políticas contempladas no programa co que nos presentamos un ano atrás" e destacou "os investimentos, as políticas ambientais, o reforzo da atención social e a xestión económica" entre os logros máis importantes neste período.
En materia de investimentos relacionados con novas infraestruturas, instalacións e proxectos públicos destaca a recente finalización do novo edificio da Escola Municipal de Música e outros usos institucionais e administrativos que tivo un orzamento que alcanzou o millón de euros.
Tamén se investiron máis de 150.000 euros do programa ARI na rehabilitación de case 30 vivendas da área histórica de Caldas e asináronse 3 convenios coa Deputación de Pontevedra por importe de 208.482 euros para proxectos de aforro enerxético a través do IDAE, que se executarán neste mandato.
Doutra banda, destaca a aportación municipal para o proxecto da Vía Verde, a subvención conseguida para o arranxo da pista de San Martiño ou a construción dos novos parques infantís de Godos, Pasionistas e da Tafona.
En materia de saneamento, unha das prioridades do Goberno, o Concello realizou unha inversión de 280.000 euros este ano na execución de obras de saneamento e de separativa de pluviais en Segade de Arriba e nas rúas Fornos e García Bayón. Neste caso, os proxectos tamén incluíron a mellora urbana das mencionadas rúas.
Así mesmo, finalizáronse en Casalderrique e Fieitoso (Carracedo) e programáronse investimentos para o saneamento de Paradela, a separativa na rúa Real, a mellora do entorno do río Bermaña e a redacción de proxectos de saneamento en Faramentáns e Pazo-Tibo, de modo que a inversión total alcanza os 500.000 euros.
O alcalde tamén sinalou a aprobación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible e o avance dos plans de compostaxe, o aumento dun 33% na reciclaxe ou a reestruturación e mellora do servizo de limpeza e recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU). Tamén salientan os programas especiais de limpeza, hixienización e rozas no casco urbano e no rural e a adhesión ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía.
En infraestrutura verde redactouse o Plan Director de arborado no Xardín Botánico e na Carballeira e continuou o programa podas especiais e acondicionamento de espazos verdes. En relación ao servizo de Obras, o goberno local citou a planificación e organización "baixo criterios técnicos e obxectivos" das actuacións realizadas por este departamento municipal.
O alcalde tamén puxo de relevo a eficacia na xestión económica municipal nun Concello con débeda cero e cunha presión fiscal moi baixa.
Nesta liña destacou que, ademais de non ter débeda, Caldas ten unha cantidade importante de remanentes que alcanza os 1,5 millóns de euros e uns depósitos de 2,4 millóns. Ademais, o Goberno conseguiu xestionar e aprobar un orzamento para 2020 que recolle importantes proxectos ao tempo que garante melloras sociais e non sube ningunha taxa.
O reforzo da atención social foi valorado polo executivo coma outro dos principais logros deste ano. A aposta polos Servizos Sociais permitiu ofrecer "unha resposta eficaz e rápida ás necesidades veciñais" tras a irrupción da pandemia de Covid-19, con programas especiais destinados aos colectivos de poboación máis vulnerables.
No eido deportivo destacaron as múltiples melloras no campo de fútbol das Corticeiras despois da mellora das gradas, a reposición da superficie de herba artificial e o actual proxecto para a construción dunha nova cantina nas instalacións. No ámbito cultural e turístico o alcalde citou a programación mensual estable, a colaboración co festival PortAmérica 2019, organización do festival Cultura Quente e apostouse polo impulso do Camiño de Santiago.
Así mesmo o equipo de goberno destacou a nova programación adaptada á situación de "nova normalidade", mentres que na área de Comercio se impulsaron campañas de dinamización como "Eu merco en Caldas" e "Caldas lévacho á casa" ao tempo que se mantén un contacto estreito co sector para activar iniciativas contra a crise da Covid-19.