Esgotadas as prazas dos roteiros sobre a Ponte do Burgo para adultos
Por Redacción
As 21 prazas de cada un dos roteiros sobre a Ponte do Burgo programados para os mércores 12, 19 e 26 de agosto xa están esgotadas.
Trátase dos roteiros deseñados para adultos e que terán lugar entre as 21 e as 22:30 horas e que rematarán cun petisco no Mercado municipal. Nas mesmas datas, en horario de 19 a 20 horas, tamén se programan roteiros infantís, para rapaces a partires de 5 anos, nos que neste momento aínda quedan prazas libres. A participación é de balde, mais é preciso facer unha inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal
Esta iniciativa forma parte da "inauguración espallada" da remodelación da ponte do Burgo, e que terá o primeiro acto o vindeiro martes 4 de agosto. Neste día ás 22 horas está prevista a apertura da mostra sobre a Ponte do Burgo, ás 22:30 horas darase paso ao primeiro acendido monumental da ponte e ás 23 horas ao acendido ornamental con luces de cores que durará ao redor dun minuto.
O acendido da nova iluminación acompañarase cunha actuación do cuarteto de corda da Orquesta Filharmónica Cidade de Pontevedra que interpretará as pezas 'A primavera' e 'O verán' de Vivaldi.
Tanto a iluminación como a actuación musical poderán seguirse desde ambas marxes do río entre a ponte de Santiago e a ponte da Correntes, o que supón un espazo de 1,5 kilómetros e que permite gardar distancias sociais e manter medidas de seguridade.
Ademais tanto o acendido monumental como o ornamental repetiranse todos os días ás mesmas horas.
Convén lembrar que o proxecto de iluminación da ponte inclúe luces na superficie encaixadas no pavimento, iluminación en altura con elementos integrados na varanda, e elementos para dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realzan a traza dos arcos, a súa estrutura e forma.
As obras de remodelación da ponte e da súa contorna comezaran o 7 de marzo do pasado ano e foran adxudicadas por un orzamento de 2.057.000 euros nun proxecto enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".
Relacionadas:
-
Últimas prazas para participar no roteiro infantil pola Ponte do Burgo este mércores 26 de agosto
Por Redacción |
-
Grande expectación dos pontevedreses na inauguración lumínica da ponte do Burgo
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Patrimonio abre expediente ao Concello polas escaleiras ao río desde O Burgo pero avala a reforma da ponte
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra inaugurará o 4 de agosto a renovada ponte do Burgo
Por Alejandro Espiño |