Pequeno respiro na área sanitaria cun caso activo menos de coronavirus este domingo
Por Natalia Puga
Pequeno respiro na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés en canto á incidencia do coronavirus. Tras varios días de incremento do número de casos activos de Covid-19, este domingo 9 de agosto contabiliza un caso menos que o sábado.
Segundo o balance oficial facilitado polo Servizo Galego de Saúde, este domingo hai 43 casos activos fronte aos 44 do sábado. Deles, tan só un permanece hospitalizado. O sábado había dous ingresados, pero este domingo uno deles xa non require hospitalización.
O paciente hospitalizado mantense en planta do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e non hai casos de Covid.19 no Hospital do Salnés nin no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez. Tampouco hai ningún paciente en área de coidados críticos .
Os outros 42 casos están a evolucionar nos seus domicilios.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 926 pacientes, un nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 591, o que supón un novo incremento diario importante, con 58 casos activos máis que o sábado.
A área sanitaria da Coruña é a que máis casos activos ten na actualidade, 302 este domingo. Ademais, hai 74 casos da área de Lugo, 41 da de Ourense, 43 da de Pontevedra, 83 da área de Vigo, 41 da de Santiago, e 7 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 2 están en UCI, 23 en unidades de hospitalización e 566 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 11.428 persoas curadas, rexistrándose 621 falecementos. O último foi o dunha muller de 83 anos que estaba ingresada no hospital da Mariña. Tiña patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 264.202.