Petición a San Roque e San Sebastián polo sector da alimentación e a "xentiña do mar"
Por Redacción
A novena extraordinaria de rogativa e acción de grazas a San Roque e a San Sebastián tivo este luns 10 de agosto como protagonista ao sector da alimentación. A invocación da xornada realizouna a presidenta da Asociación de Profesionais do Mercado de Pontevedra, María del Carmen Santos Pérez, que pediu polas persoas que se dedican a este ao sector da alimentación, ademais de polos enfermos, as vítimas da pandemia do coronavirus, o persoal sanitario e a " xentiña do mar".
Santos Pérez lembrou que San Roque e San Sebastián durante séculos foron "os protectores contra as epidemias de peste e outras enfermidades contaxiosas", de modo que, en plena pandemia, e despois de tantos meses de confinamento e de loita incansable contra esta enfermidade, pídelles a súa axuda "para que se poida controlar esta pandemia canto antes".
A presidenta dos profesionais do mercado fixo referencia á "incerteza" que se viviu nos últimos meses, nos que non se sabía se se podería ir á mar ou se habería xente nas prazas, había dúbidas sobre que medidas aplicar para evitar contaxios e temor por se a xente tería un prato de comida na súa mesa, pero, sobre todo, había "medo e desazón".
Tras todos estes días de "angustia e loita", quixo lembrar que "aínda non podemos baixar a garda, porque o bicho segue aí" e que hai que protexerse con todas as medidas sanitarias que indican as autoridades e "seguir cautelosos como o primeiro día", esperando esa ansiada vacina. A súa petición estivo tamén enfocada a que se logre esa vacina.
A novena extraordinaria continuará ata o día venres 14, inclusive, por partida dobre: en horario matutino, na Real Basílica de Santa María a Maior, ás 11:00 horas., neste caso con invocación; e en horario vespertino, na Capela do Santo, ás 19:00 horas. En canto ás invocacións, este martes tomará a substitución a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, XOGA, cunha invocación en lingua de signos.
Relacionadas:
-
O escritor Rodrigo Cota: "Imaxinádevos, santos Roque e Sebastián, estando a cousa como está, as dificultades que temos para atopar traballos"
Por Redacción |
-
O sector da limpeza urbana ante San Roque: "Non ter contacto físico cos meus fillos en 32 días foi o máis duro"
Por Redacción |
-
San Roque e San Sebastián reciben tamén invocacións en lingua de signos
Por Redacción |
-
"Solidariedade cidadá para frear os contaxios", petición do doutor Julio Diz no cuarto día de novena extraordinaria
Por Redacción |
-
A devoción por San Roque "cobrou especial vixencia" pola pandemia
Por Oskar Viéitez |