O escritor Rodrigo Cota: "Imaxinádevos, santos Roque e Sebastián, estando a cousa como está, as dificultades que temos para atopar traballos"

Por Redacción
A invocación da novena extraordinaria de rogativa e acción de grazas a San Roque e a San Sebastián pola situación sanitaria do coronavirus realizada este venres 14 de agosto contou coa intervención do escritor e comunicador Rodrigo Cota, que mantivo unha petición reflexiva sobre o golpe que a pandemia provocou na terreo cultural, un dos motores económicos de Pontevedra.
"Non esquezades que Pontevedra ten unha grande dependencia da actividade cultural, e por tanto moita xente que vive dela. A maior parte dos artistas, sexan actores, escritores, pintores, deseñadores, fotógrafos, debuxantes ou guionistas temos dificultades para chegar a fin de mes, cando chegamos", afirmaba Cota durante a súa exposición e continuaba: "pois imaxinádevos agora, santos Roque e Sebastián, estando a cousa como está, as dificultades que temos para atopar traballos".
O escritor lembrou ás persoas que durante o confinamento realizaron de balde concertos musicais, escribiron textos ou crearon arte para facer máis agradable a vida a todas as persoas que se mantiñan encerradas nas súas casas. "Por toda esa xente vos pido de corazón que nos botedes unha man e intercedades ante Deus, a ver se nos pode facer a vida un pouco máis levadeira. Finalmente, quero darvos as grazas por tantos séculos de fidelidade á nosa cidade, que ben sabedes que é un sentimento mutuo", remataba Cota.
Este sábado 15 de agosto celébrase a Asunción da Virxe e haberá misas de festa na Real Basílica de Santa María ás 11.00, 12.30 e 20.00 horas. Manteranse as medidas sanitarias vixentes de distanciamento e utilización de máscaras protectoras. Ás 21.00 horas, a agrupación teatral de Santa María, dirixida polo actor Mundo Villalustre, representará o 'Auto da Asunción da nosa Señora', unha adaptación sobre un texto orixinal de Juan de Timoneda.
O domingo 16 conmemórase a San Roque con misas ás 09.00 e 10.00 horas, na Capela do Santo e ás 11.00, 12.30 (con intérprete de lingua de signos española), 18.00 e 20.00 horas na Basílica. Prestarase unha especial atención ao copatrono da cidade, San Sebastián
Relacionadas:
-
A covid altera as celebracións de San Sebastián, o protector contra as pandemias
Por Redacción |
-
A cultura, que tanto axudou no confinamento, sofre duramente a crise malia se reconverter para ser segura
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot & Cristina Saiz & Diego Torrado |
-
"Sentimos unha enorme preocupación polo novo curso e a incorporación do alumnado e profesorado ás aulas"
Por Redacción |
-
San Roque e San Sebastián reciben tamén invocacións en lingua de signos
Por Redacción |
-
Petición a San Roque e San Sebastián polo sector da alimentación e a "xentiña do mar"
Por Redacción |
-
"Solidariedade cidadá para frear os contaxios", petición do doutor Julio Diz no cuarto día de novena extraordinaria
Por Redacción |