A covid altera as celebracións de San Sebastián, o protector contra as pandemias
Por Redacción
Este mércores 20 de xaneiro terá lugar o histórico voto da cidade de Pontevedra ao seu copatrono, San Sebastián, unha celebración cunha antigüidade de máis de cinco séculos.
Desde a parroquia pontevedresa de Santa María informan de que, "como especial protector contra as enfermidades contaxiosas, este voto está máis xustificado que nunca, ante a actual situación de crise sanitaria por mor da pandemia por SARS-CoV-2 (COVID-19)". Engaden que "aínda que os anos impares é a parroquia de Santa María a Maior a que centraliza os actos en honra a San Sebastián, dadas as actuais circunstancias, os sacerdotes da cidade decidiron que, para evitar aglomeracións e adaptarse mellor ás restricións, cada parroquia celebre con especial solemnidade dita festa".
No caso da parroquia de Santa María a Maior de Pontevedra, o 20 de xaneiro haberá tres misas de festa na Basílica ás 9:30, ás 11:00 e ás 20:00 horas.
Previamente, o martes 19 de xaneiro, o investigador leonés Juan Antonio Testón Turiel, membro do equipo docente do Instituto Teolóxico Compostelán, ofrecerá a conferencia "A Peste Negra na Baixa Idade Media: Afrontar unha enfermidade desde a Fe", ás 20:30 horas na Real Basílica de Santa María a Maior. O acceso será libre ata completar o aforo, segundo os criterios sanitarios vixentes.
VOTO DA CIDADE
Recentemente inaugurado o Ano Santo Compostelán, que de forma excepcional estenderase entre os anos 2021 e 2022, o voto da cidade correrá, nesta ocasión, a cargo do presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Celestino Lores, "co propósito de solicitar a intercesión e protección de San Sebastián para todos os veciños de Pontevedra, así como para todos aqueles peregrinos que fagan o Camiño ao longo dos próximos meses", informan desde Santa María.
506 ANOS DE HISTORIA
En xaneiro de 1515, durante un grave episodio de peste, a entón vila de Pontevedra ofreceuse a San Sebastián, con motivo da proximidade da súa festa e dada a súa especial intercesión para librar de calquera enfermidade a persoas e urbes. O brote de peste remitiu e desde entón réndeselle a este santo unha especial homenaxe cada 20 de xaneiro, figurando como un dos principais protectores da cidade, xunto a San Roque, considerado outro grande avogado fronte ás epidemias, e á patroa, A Nosa Señora da Esperanza Virxe do O.
Relacionadas:
-
O escritor Rodrigo Cota: "Imaxinádevos, santos Roque e Sebastián, estando a cousa como está, as dificultades que temos para atopar traballos"
Por Redacción |
-
San Roque e San Sebastián reciben tamén invocacións en lingua de signos
Por Redacción |
-
Pontevedra encoméndase a San Sebastián e San Roque polo coronavirus
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |