O centro urbano de Campo Lameiro súmase á peonalización
Por Redacción
A rúa que conecta a Casa Consistorial de Campo Lameiro co barrio da Chanciña acaba de ser obxecto dunha reforma integral que, a piques de rematar, suporá peonalizar toda a contorna e sumarse ao modelo de mobilidade segura e de calidade da Deputación de Pontevedra.
A actuación afectou a un dos espazos máis senlleiros do centro urbano de Campo Lameiro e supuxo un investimento de 386.964,19 euros no marco do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra.
A reforma redeseña con plataforma única o vieiro que une dúas zonas de moita actividade e que xeran un gran tránsito peonil dentro do municipio, a Casa Consistorial e o barrio da Chanciña, onde están a escola infantil, o centro de saúde, o campo de fútbol, a piscina municipal e os edificios municipais das sociedades culturais e deportivas.
Os traballos axudan a aumentar a seguridade viaria e humanizar a zona para devolver espazos para as persoas. Anteriormente, a vía estaba aberta ó tráfico rodado en ambos os dous sentidos, pero debido ás súas reducidas dimensións a convivencia entre vehículos e peóns era difícil, especialmente para as persoas con diversidade funcional.
O deputado provincial Carlos López Font; o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa; varios concelleiros da Corporación municipal; e o director de obra visitaron este martes os traballos, que están a piques de rematar.
López Font destacou que a obra supón mellorar a calidade de vida da cidadanía e tamén fixar poboación ante a situación de despoboamento do rural. Ademais, insistiu na colaboración entre o Concello e a Deputación, pois "alén de cores políticas, a relación entre os concellos e a Deputación é en condicións de igualdade".
O alcalde de Campo Lameiro agradeceu á Deputación as obras realizadas. O Concello de Campo Lameiro ten recibido un investimento total da Deputación de Pontevedra dende o ano 2015 de máis de 3 millóns de euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos.
Neste caso, os traballos contemplaron a substitución do firme por un pavimento formado por lousas de pedra de granito gris nunha única plataforma e tamén das canalizacións actuais de abastecemento, saneamento pluvial e residual e as acometidas e pozos de rexistro.
Ademais, substituíronse os postes de madeira e columnas de formigón por columnas cilíndricas de aceiro ao carbono de 6,5 metros de altura e colocáronse 8 puntos de luz.
Relacionadas:
-
A Unidade Móbil de Inspección de Vehículos Agrícolas estará en Campo Lameiro o 2 e 5 de outubro
Por Redacción |
-
Carlos Font presume do récord en investimentos da Deputación nas estradas provinciais: 60 millóns de euros
Por Redacción |
-
A Deputación prorrogará case un ano o prazo para rematar as obras do plan Deporemse
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva saca peito dos plans DepoRemse e Reequilibrio da Deputación: "Nunca se fixera tanto"
Por Natalia Puga |