Sanxenxo converte o Pazo de Quintáns no primeiro museo da cultura gastronómica das Rías Baixas
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo suma ao seu catálogo de bens patrimoniais protexidos o Pazo de Quintáns, que xunto á Torre da Lanzada, foron declarados Ben de Interese Cultural. Despois de trece meses en obras e un investimento de 1,8 millóns de euros, o emblemático inmoble está chamado a ser o primeiro Museo da Cultura Gastronómica das Rías Baixas.
Os últimos traballos centráronse na carpintería interior, a dotación de servizos e o acondicionamento da praza e o patio interior, presidido por un centenario abeto branco, un dos exemplares mellor conservados do recinto.
O goberno local quere que os veciños coñezan de primeira man as instalacións, polo que organizarán unhas xornadas de portas abertas explicativas adaptadas á situación sanitaria actual para o que será preciso realizar inscrición previa e en grupos reducidos cumprindo o protocolo de prevención da Covid-19.
Con este proxecto, Sanxenxo, e de forma especial Noalla, recupera parte da súa historia cun inmoble no que aínda se continuará traballando en novas fases. O goberno local quere recuperar o xardín botánico da extensa parcela de máis de 10.000 metros cadrados que rodea o Pazo e poñer en valor a fonte, así como a mesa e bancos de pedra que presiden a parte traseira da leira. Unha mellora para a que se encargará un proxecto que responda as necesidades dun espazo histórico e de enorme riqueza ambiental.
Tamén se continuará traballando no amplo hórreo da leira, así como nos seus posibles usos, despois de que nesta primeira fase asegurásese a estrutura e o tellado.
De forma inminente, o goberno acondicionará unha parcela municipal anexa ao Pazo de Quintáns para dotar de zona de estacionamento. A leira ten unha superficie de 840 metros cadrados e unha capacidade para albergar 32 prazas de aparcamento, 31 para coches e unha para autobús.
Relacionadas:
-
Impulsan unha senda peonil entre Noalla e A Lanzada co Pazo de Quintáns como eixo
Por Redacción |
-
Avanza a recuperación do exterior do Pazo de Quintáns cun investimento por riba dos 600.000 euros
Por Redacción |
-
A Xunta colaborará co Concello de Sanxenxo na posta en marcha do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Ana Cancela recolle o premio Sanxenxo na Historia polo seu traballo ao fronte do Seminario de Estudos Locais
Por Redacción |
-
Sanxenxo habilitará un estacionamento para o Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
O Pazo de Quintáns recupera a súa emblemática galería
Por Redacción |