Vilaboa fai un chamamento á tranquilidade e á responsabilidade tras aprobar as restricións fronte á Covid
Por Redacción
Con motivo do establecemento de medidas especiais fronte á COVID19 establecidas pola Consellería de Sanidade no Concello de Vilaboa, desde a alcaldía, o seu rexedor, César Poza, fixo un chamamento á máxima responsabilidade e tranquilidade da poboación para facer fronte á situación. "Nunha situación complexa como a actual temos que actuar coa máxima responsabilidade, evitando xuntanzas e situacións que poidan poñernos en risco", explicou.
A comunicación destas novas medidas, que afectan ao concello de Vilaboa xunto con outros cinco concellos máis, supón a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas.
No caso das celebracións como vodas, bautizos e comuñóns as medidas establecen que non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para esta fin de semana. Estas medidas serán publicadas este venres no DOG e entrarán en vigor desde ás 00:00 horas desta medianoite e terán unha duración alomenos dunha semana.
Diante desta situación, Poza denunciou que o Sergas fíxolles a comunicación oficial ao Concello ao mesmo tempo en que se facía pública a decisión do subcomité científico do Sergas, o que é absolutamente irregular. "Non é lóxico que o concello teña esta comunicación ao mesmo tempo que os medios de comunicación, un venres ás 14 horas. A información non está fluíndo como debería entre as diferentes administracións públicas", asegurou o rexedor municipal, quen demandou maior transparencia e máxima colaboración entre administracións para facer fronte común nesta complicada situación.
Neste sentido, Poza demandou que se cubran as baixas médicas no centro de saúde municipal, que está agora mesmo ao 50% no que se refire ao seu persoal, ao non cubrirse nin vacacións nin as vacantes por xubilación, "nun momento tan complicado como o actual a consellería ten que asumir as súas responsabilidades en materia sanitaria".
Relacionadas:
-
O centro médico do Toural acollerá unha concentración este martes para reclamar máis persoal sanitario
Por Redacción |
-
Sanidade establece tamén medidas restritivas en Poio e Vilaboa
Por Redacción |
-
Suspendido o Canteira Fest
Por Redacción |
-
O Concello de Vilaboa pon a punto os seus colexios para o inicio do curso escolar
Por Redacción |