Poznan, Arxentina e Chile queren coñecer o modelo de cidade de Pontevedra, que presume de premio de Seguridade Viaria da UE
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra mostrábase feliz este venres ao mostrar ante os medios de comunicación o Premio de seguridade viaria que a Comisión Europea otorgou a Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores lembraba que se trata do primeiro premio destas características convocado pola Unión Europea e que Pontevedra logrou fronte a outras 25 cidades europeas, entre as que se atopaban dez españolas.
"Eu definiríao como un chanzo máis dentro da proxección internacional da cidade", asegurou Fernández Lores ao destacar que Pontevedra é a primeira cidade de todos os Estados membro da Unión Europea que leva este premio.
O galardón, concedido en marzo, non puido ser recollido en Bruxelas pola aparición da covid. Pero o alcalde sinalou que o Concello está a ser "invitado, chamado, consultado" por outros gobernos para coñecer como deseñar as cidades para despois da pandemia. Por este motivo, Fernández Lores afirma que Pontevedra atópase na vangarda dos modelos urbanos en relación coa seguridade viaria, co medio ambiente, a calidade urbana, para a loita contra o cambio climático, a transición ecolóxica, para o dinamismo urbano, comercial e turístico, ademais de como exemplo post- covid.
Unha das primeiras intervencións previstas será o 4 de novembro en Polonia, en Poznan. O Concello telematicamente participará no Foro de Desenvolvemento da Cidade. A seguinte cita chegará o 12 de novembro no Foro de Mobilidade de Lugo. O 17 de novembro, o alcalde será o representante municipal escollido para participar nunha xornada organizada por Eldiario.es na que tamén participará Teresa Rivero, a vicepresidenta e ministra de Transición Ecolóxica.
Outros países como Arxentina e Chile tamén pediron información sobre o modelo de cidade pontevedrés. En Arxentina, un grupo de urbanistas que traballan na planificación de cidades como Rosario ou Asunción (capital de Paraguai) mostraron o seu interese polas fórmulas da cidade do Lérez. O goberno de Chile tamén solicitou información de catro expertos mundiais á Unión Europea sobre calidade urbana e entre as propostas atópase o Concello de Pontevedra.
Dentro desta difusión da cidade, tamén o programa 'Seguridade Vital', de TVE realizou un programa sobre a cidade do mesmo xeito que un programa sobre eco-sustentabilidade da RAI-3 de Italia. Neste sentido, Fernández Lores lembrou que o model de Pontevedra está "pensado para as persoas" e é "holístico, un modelo redondo e integral, e que non hai moitos no mundo", unha singularidade que esta proxectando internacionalmente ao municipio.
Relacionadas:
-
A cidade polaca de Poznan mira cara Pontevedra para mudar o seu deseño urbano
Por Redacción |
-
Chile convida a Mosquera a falar sobre o modelo Pontevedra polo "gran liderado" da cidade "en accións de sustentabilidade"
Por Redacción |
-
Valencia premia a Pontevedra pola súa "exemplar" transformación urbana
Por Alejandro Espiño |
-
Londres, Carcavelos e Poznan, as novas citas internacionais para o modelo de cidade
Por Redacción |
-
O Ministerio de Transición Ecolóxica felicita por carta a Pontevedra polo seu recente premio da Comisión Europea
Por Redacción |
-
Pontevedra gaña o premio de Seguridade Viaria Urbana da Comisión Europea
Por Alejandro Espiño |