Activan unha consulta pública en Poio para avanzar na ordenanza de ocupación de espazos públicos
Por Redacción
A través da súa páxina web, o Concello de Poio activou unha consulta pública para avanzar na elaboración da nova ordenanza da ocupación de vía pública, terreos de dominio público e espazos privados de uso público que se quere aprobar no municipio.
Todas as persoas e colectivos interesados en consultar o borrador da ordenanza e realizar as súas achegas, suxestións e propostas ao documento disporán dun prazo de dez días hábiles.
A intención do Concello de Poio é que o regulamento poida entrar en vigor en marzo ou abril de 2021. Á marxe desta consulta pública, tamén se establecerán contactos cos profesionais para que coñezan a ordenanza antes de aprobala.
Este proceso, que segundo o Concello busca favorecer a implicación da sociedade e garantir a transparencia da tramitación, xa se impulsou á hora de dar vida a outras ordenanzas, como a que regula a administración electrónica ou a regulación dos órganos colexiados municipais.
Con respecto á ordenanza, na que se inclúe o regulamento, entre outros aspectos, das terrazas de establecementos de hostalería ou colocación de mobiliario urbano, a proposta responde á necesidade de ordenar a utilización de espazo público municipal, eliminando problemas de circulación, accesibilidade ou tránsito dos peóns.
Ademais, o documento tamén afonda en cuestións como a conciliación entre a actividade nestes espazos e o benestar dos veciños, limitando ao máximo posible o impacto nas contornas dos locais turísticos, comerciais, hostaleiros ou de lecer.
A ordenanza determinará as áreas a ocupar, o período de tempo e os horarios de uso, así como os réximes de sancións que se aplicarán en caso de incumprimentos.
Tendo en conta a pandemia da covid-19, o goberno local non descarta engadir algunha disposición transitoria referida a condicións excepcionais, que contemplen situacións como a vivida nos últimos meses, cando o Concello aprobou unha medida para permitir a ampliación de terrazas nos establecementos de hostalería despois do confinamento.
Estas disposicións axudarían a axilizar a tramitación necesaria para facer realidade medidas deste tipo como a aplicada nos últimos meses, nos que o Concello decidiu non cobrar as taxas de ocupación de terrazas situadas en espazos de titularidade municipal.