O Concello de Poio desenvolve unha ordenanza de convivencia cidadá
Por Redacción
O Concello de Poio avanza na elaboración dunha nova ordenanza de Convivencia Cidadá. Trátase dun documento que, tal e como explica a concelleira de Seguridade, Marga Caldas, ten como obxectivo "dar resposta a unha serie de cuestións que urxe que se regulen", como pode ser, por exemplo, o caso da contaminación acústica, ademais de ofrecer a posibilidade de ampliar a interpretación doutros regulamentos, como é ocaso do correspondente ao tratamento do lixo.
A edil do Bloque Nacionalista Galego vén mantendo reunións periódicas con técnicos de departamentos como o de Medio Ambiente, ademais de con responsables da Policía Local, para dar forma a unha ordenanza que, tal e como entende Caldas Moreira, "entendemos que debe ser transversal, dinámica, que complemente ás normativas que están vixentes na actualidade ou en tramitación (como é o caso da correspondente á das terrazas e veladores) e que, ao mesmo tempo, poida dar tamén resposta a necesidades e cuestións vencelladas ao patrimonio ou o medio ambiente".
No que se refire á cuestión de seguridade, a concelleira responsable desta área ten claro que os esforzos vanse centrar tamén en complementar a Ordenanza de Espazos Públicos, para "consolidalos como lugares seguros e cívicos, dos que se poida gozar facendo un uso responsable e no que se poida garantir diferentes actividades lúdicas ou de lecer e, ao mesmo tempo, garantir o benestar e o descanso da veciñanza".
No documento no que está a traballar a Concellería de Seguridade Cidadá incídese tamén en cuestións como os grafitis ou o uso das praias.
En canto aos prazos para a aprobación do regulamento, a concelleira do Goberno local explica que "temos que completar o pertinente proceso de tramitación", que pasa por varias fases; desde a consulta pública, pasando polo prazo de participación e achegas, aprobación inicial, exposición pública e aprobación definitiva.
"Estamos a falar dun período duns seis meses, polo que, se non se producen contratempos, queremos que sexa unha realidade en 2021", asevera Caldas Moreira.
Con respecto ao carácter transversal da ordenanza, Marga Caldas incide, asemade, na necesidade de implicar a diferentes colectivos na súa elaboración. A concelleira de Seguridade Cidadá pon como o exemplo o interese do Concello en dotar a este documento dun apartado que garanta ampliar a protección dos animais. É por iso polo que tamén se pretende implicar neste proceso á Asociación Amigos da Canceira.
Fomentar o voluntariado, reforzar o labor que realiza este colectivo e aproveitar programas como o Axente Titor da Policía Local, impulsado no ano 2017 para desenvolver medidas e actividades pensadas para os menores de idade, para concienciar sobre estes temas son algunhas das cuestións que se están a tratar.
"Con este tipo de ferramentas queremos garantir a resolución de posibles conflitos do día a día e a convivencia cívica entre a veciñanza en todos os seus eidos", finaliza a edil nacionalista.
Relacionadas:
-
Poio tramita a súa futura ordenanza municipal de convivencia
Por Redacción |
-
Abren unha consulta pública na web municipal de Poio sobre o regulamento de participación cidadá
Por Redacción |
-
Poio inicia o procedemento para crear unha asemblea de participación cidadá
Por Redacción |
-
Poio rexistra unha "suba importante" na reciclaxe de papel e cartón
Por Redacción |