Galicia reforza a frota e o persoal operativo na loita contra o furtivismo
Por Redacción
A crise sanitaria está a afectar a todos os sectores produtivos. Nos últimos meses, a pandemia provocada pola covid-19 levou aos profesionais do mar a facer un sobreesforzo para poñer ao dispor dos mercados e da cidadanía produtos pesqueiros frescos da mellor calidade e con todas as garantías de seguridade.
Pero este esforzo común non evita que accións como a dos furtivos poñan en perigo a economía, o ecosistema e os recursos vinculados ao mar. Por este motivo, a loita contra o furtivismo segue sendo unha prioridade para a Consellería do Mar.
Os controis realizados o ano pasado polo Servizo de Gardacostas de Galicia permitiron detectar un 6% máis de infraccións, ao contabilizarse preto de 3.200, e elevar un 20% as incautacións, con preto de 27.000 útiles requisados, fronte aos máis de 22.000 de 2018. Este ano 2020 reducíronse tanto os comisos como as incautacións, xa que aos controis realizados polos gardacostas sumáronse as restricións de mobilidade establecidas durante o estado de alarma.
RENOVACIÓN DA FROTA DE GARDACOSTAS
A coordinación e a estratexia son claves para combater as actividades ilícitas dos furtivos. Os axentes do Servizo de Gardacostas organizan o seu traballo tendo en conta as zonas, épocas e especies máis vulnerables. Este sistema é o que permitiu que, practicamente co mesmo número de inspeccións, se estean a detectar máis infraccións e que as incautacións sigan aumentando.
Este traballo precisa de medios materiais avanzados, e nesta materia o Executivo galego mostra o seu compromiso co proceso de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia, que está a piques de completarse, e na que investiu catro millóns de euros en 2019 e seis millóns en 2020.
A Consellería do Mar incorporou nestes dous últimos anos catro novas embarcacións rápidas aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, así como a colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación.
Estas catro patrulleiras son a Punta Promontoiro, con base en Celeiro, a Punta da Guía, con base en Vigo, a Punta Falcoeiro, que opera desde Ribeira, e a Seixo Branco, con base na Coruña. A estas catro embarcacións rápidas súmase a construción, en marcha, dunha patrulleira de altura de 40 metros de eslora que substituirá á Paio Gómez Chariño e que está previsto que entre en servizo na primeira metade de 2021.
REFORZO DE EFECTIVOS
A mellora dos medios técnicos acompáñase dun reforzo dos medios humanos, que se foi realizando dun modo paulatino nos últimos anos.
O persoal operativo do Servizo de Gardacostas está formado actualmente por preto de 140 persoas, entre os servizos centrais, as unidades operativas repartidas polo litoral e o Servizo de Veterinarios. Na última convocatoria de 2019 cubríronse 20 prazas mediante o proceso de concurso-oposición.
A maiores, o Servizo de Gardacostas está coordinado con outros corpos e forzas de seguridade na loita contra o furtivismo. Todos estes profesionais contan co apoio de ao redor de 160 gardapescas, cuxos contratos a través das correspondentes confrarías están subvencionados pola Xunta.
O FURTIVISMO COMO DELITO
Un avance importante na loita contra o furtivismo foi a tipificación do mesmo como delito desde 2015, unha medida defendida polo Goberno galego e que contribúe a protexer o traballo dos profesionais e disuadir aos infractores.
Dende a entrada en vigor deste cambio legal o 1 de xullo de 2015 ata o 31 de decembro do ano pasado, a Policía Autonómica detivo ou investigou a preto de 700 persoas en Galicia por furtivismo.
A estas medidas directas únese a importancia da sensibilización social sobre o impacto do furtivismo. En concreto, nos meses de verán, a Consellería do Mar detectou outra forma de furtivismo que, aínda que non move cantidades de produto tan importantes, si causa unha diminución na produción e desfeitas nas zonas de sementeira. Por este motivo, programáronse nos últimos anos numerosas campañas de concienciación.
En 2018 e 2019 desenvolveuse con grande acollida a campaña 'Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear', que chegou a 45 areais de 35 concellos de Galicia. Este ano, como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus, decidiuse non realizala como medida preventiva, pero non se descarta retomala en próximos veráns, adaptándoa ás recomendacións das autoridades sanitarias.
Relacionadas:
-
Sorprenden dous furtivos que colleron seis quilos de ameixa na praia da Pinela, un deles reincidente
Por Redacción |
-
Os furtivos, cada vez menos 'invisibles' na costa galega
Por Alejandro Espiño |
-
Os gardacostas comisan 270 nasas e retornan ao mar un cento de quilos de centola, lumbrigante e camarón
Por Redacción |
-
Os gardacostas decomisan 25 quilos de marisco e peixe no porto de Aguete
Por Redacción |