A Xunta amplía o Bono Turístico para persoal dos sectores sanitario e sociosanitario ata maio de 2021
Por Redacción
A Xunta de Galicia prolongará ata maio de 2021 a duración do programa do Bono Turístico #QuedamosenGalicia para facilitar as opcións para desfrutalo. Trátase do programa que o Goberno galego desenvolveu nos últimos meses para fomentar o consumo de produtos turísticos e, ao mesmo mesmo, recoñecer ao persoal que traballa nos sectores sanitario e sociosanitario na loita contra a covid-19.
Así o anunciaba o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante un acto en Pontevedra co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, organización coa que colabora na posta en marcha desta iniciativa de reactivación do sector turístico.
A data para solicitar o bono por parte dos beneficiarios remataba o 10 de decembro, co bo dato de que se acadara a máis do 98 por cento dos 20.000 usuarios posibles. Coas diferentes medidas de restrición da mobilidade e peches perimetrais que obrigou a evolución da pandemia, hai beneficiarios que, malia solicitar o bono, atopáronse con dificultades para poder desfrutar dunha "escapada" de descanso. Un atranco que, coa ampliación do tempo de vixencia do Bono Turístico, agora atopa unha solución.
Tal e como explicou o vicepresidente, as persoas usuarias "tiñan a previsión de gastalo durante estes meses, cando a demanda é máis baixa. Pero estamos nunha situación onde hai unhas restricións de mobilidade importantes, o que provoca que moitas persoas non poidan gastar os seus bonos".
Deste modo, o prazo para que as empresas se adhiran ao programa e para o consumo de servizos, actividades ou produtos turísticos por parte dos beneficiarios estenderase ata o 31 de maio de 2021, cando inicialmente remataba o 13 de decembro. Ademais, o Goberno galego ten previsto renovar esta iniciativa o próximo ano.
Alfonso Rueda avanzaba que os orzamentos de 2021 incluirán unha previsión para aumentar o Bono Turístico, que terá un investimento global o ano próximo de 6 millóns de euros, incluíndo o novo orzamento xunto co que pase a executarse en 2021 procedente do programa deste ano. Neste sentido, invitou a que máis empresas e administracións se sumen a este produto turístico para "conseguir un efecto multiplicador" e chegar a máis xente, polo que se estudará a posibilidade de ampliar os colectivos beneficiarios.
SATISFACCIÓN POR PARTE DOS HOSTALEIROS
O anuncio da ampliación do desfrute do Bono Turístico ata maio de 2021 foi recibido con moito optimismo por parte dos hostaleiros. Neste sentido, deuse o caso de que, cando comezaron os peches perimetrais, moitos destes establecementos recibiron "chamadas de xente que nos consultaba como podían facer para non perder o Bono", comenta o persoal encargado das reservas no Hotel Virgen Peregrina de Pontevedra.
Desde este hotel, situado no Camiño Portugués a Santiago ao seu paso polo centro da cidade, móstranse moi satisfeitos pola iniciativa do Bono Turístico #QuedamosenGalicia, tanto polo apoio ao seu sector como polo recoñecemento aos profesionais sanitarios e sociosanitarios: "de verdade que o merecen".
En canto ao perfil dos usuarios do Bono Turístico que o canxearon no seu hotel, apuntan sobre todo a parellas procedentes de toda a Comunidade, cun predominio de viaxeiros "da contorna de Pontevedra e despois de varios puntos de Galicia, moi repartido, aínda que si detectamos un número significativo de xente procedente da Coruña".
Un factor común aos viaxeiros era que buscaban unha estadía tranquila e de descanso, na que "aproveitaban para comer e cear no noso restaurante", apuntan desde o Hotel Virgen del Camino.
QUE É O BONO TURÍSTICO?
O Bono Turístico #QuedamosenGalicia é unha iniciativa posta en marcha no pasado mes de xullo pola Xunta de Galicia e que está encadrada no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, o cal ten entre os seus obxectivos inxectar liquidez nas empresas desta industria, fomentar o turismo interno, incentivar o consumo e impulsar a recuperación da economía e do tecido empresarial galego.
O Bono Turístico faise efectivo a través da entrega aos beneficiarios dunha tarxeta moedeiro cargada cun importe de 250 euros, que os profesionais dos sectores sanitario e sociosanitario que están a traballar con esforzo e compromiso durante a pandemia poderán empregar nos establecementos ou produtos turísticos adheridos a este programa.
O BONO TURÍSTICO EN CIFRAS
- Número de empresas adheridas: 552
- Número de ofertas rexistradas: 317
- Número de paquetes turísticos rexistrados: 401
- Número de inscritos: 19.786
- Número de tarxetas activadas polos beneficiarios e listas para usar: 16.059
- Consumo efectivo nos establecementos: 2.020.076,35 euros