Pontevedra lidera o gasto do bono turístico, que xa destinou 3,5 millóns a reactivar o sector
Por Redacción
A provincia de Pontevedra é a preferida polos galegos que no último ano se sumaron á iniciativa do bono turístico, promovido pola Xunta de Galicia para reactivación do sector despois do forte impacto que supuxo a pandemia da covid-19.
A Xunta investiu xa este ano 3,5 millóns de euros neste bono turístico e a maior parte do consumo concentrouse no mes de agosto e na provincia pontevedresa.
O vicepresidente primeiro do goberno galego, Alfonso Rueda, fixo balance do programa este sábado en Pontevedra con motivo da inauguración do XX Encontro Internacional de Hospitaleiras e Hospitaleiros do Camiño Portugués, que presidiu xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Durante a súa intervención, indicou que tan só no mes de agosto consumíronse 470.000 euros deste bono turístico e Pontevedra acadou máis da metade das transaccións realizadas polos galegos. En concreto, o 56%. O resto do consumo dividiuse entre as outras tres provincias do seguinte xeito: 24% na Coruña, 13% en Lugo e 6% en Ourense.
A Xunta puxo en marcha o ano pasado o bono turístico para o persoal sanitario coa finalidade de incentivar o turismo en tempo de pandemia. A iniciativa estivo vixente ata o 31 de maio deste ano e despois sumouse, xa no 2021, o bono turístico aberto ao público en xeral co obxectivo de incentivar o consumo interno e axudar ao sector. Entre as dúas iniciativas, o Goberno galego leva investidos xa neste ano eses citados 3,5 millóns.
Desde o mes de xuño ata o 19 de setembro activáronse 4.382 das 9.465 tarxetas emitidas na segunda edición do bono, a aberta ao público en xeral, das que máis de 1.300 -o 13% do total- gastaron a totalidade do seu saldo. Os beneficiarios optaron maioritariamente polos de maior importe -4.304 de 500 euros-, tendo en conta que, en todos os casos, os particulares corrían co 40% do gasto, mentres que a Administración galega poñía o 60% restante.
Durante este tempo fixéronse 7.000 transaccións, o 86% en aloxamentos hoteleiros, dos que a cuarta parte foron de 4 e 5 estrelas. O resto do consumo foi en paquetes turísticos adquiridos en axencias de viaxes.
Alfonso Rueda salientou ante os participantes no Encontro Internacional de Hospitaleiras e Hospitaleiros do Camiño Portugués a eficacia desta campaña, pioneira a nivel estatal e que foi imitada noutras comunidades autónomas, para reactivar o turismo nun ano marcado polas restricións na mobilidade.
Aínda máis de 5.000 tarxetas por consumir e Alfonso Rueda sinalou que non ten "dúbida algunha" de que os saldos pendentes van esgotarse, dado o éxito da iniciativa, de maneira de ata decembro vanse mobilizar case catro millóns de euros máis, o que suporá "unha inxección económica e de moral moi importante".
Galicia acaba de vivir un verán sen precedentes no que liderou o crecemento turístico. Tal e como indicou Rueda, é o único destino de España que en agosto conseguiu recuperar o nivel de demanda turística previo á pandemia e comportouse 27 puntos mellor que a media nacional respecto do 2019.
Relacionadas:
-
Feijoo defende en Sanxenxo que Galicia é un destino turístico seguro
Por Redacción |
-
A Xunta reactiva o programa Elixe Galicia, que comezará as viaxes a partir do vindeiro 30 de maio
Por Oskar Viéitez |
-
Rueda sinala que as axudas da Xunta e Concellos para autónomos e pemes estarán repartidas ao 100% en tres semanas
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta amplía o Bono Turístico para persoal dos sectores sanitario e sociosanitario ata maio de 2021
Por Redacción |