O alumnado de primaria de Pontevedra, "un gran exemplo para a xente maior" que merece a felicitación do alcalde
Por Redacción
"Supoño que vos estrañará recibir a miña carta. Como non podo achegarme a todos os coles polas medidas de seguranza da pandemia, quería agradecervos a través desta carta o ben que vos estades a comportar para acabar con este virus. Estades sendo un gran exemplo para a xente maior".
O que fala é Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e o destinatario desta frase é o alumnado de quinto e sexto curso de Primaria dos centros educativos de Pontevedra, ao que nos últimos días lle remitiu unha carta de agradecemento polo seu comportamento durante o actual curso escolar e o seu cumprimento da normas sanitarias fixadas para frear a expansión da covid-19.
Lores enviou unha felicitación de Nadal para toda a comunidade educativa dos centros de primaria pontevedreses e para o alumnado de quinto e sexto quixo engadir unha carta específica con este contido.
Ademais de felicitar aos escolares, Lores anímaos a manter esta actitude durante o Nadal. "Seguide sendo tan rigorosos coas medidas sanitarias", pídelle na misiva, na que tamén aproveita para convidar ao alumnado a que lle transmita a súa opinión a través de tres desexos relativos á escola e amizades, á familia e á cidade.
Así, pídelle que imaxinen que teñen unha variña máxica e que poden pedir tres desexos. Cal pedirían? Lores agarda a resposta do alumnado, que pode enviarse ao correo electrónico da Alcaldía de Pontevedra.
Desde o Concello de Pontevedra explica que esta petición do alcalde forma parte da súa filosofía de darlle voz ás crianzas e coñecer de primeira man as súas opinións, neste caso en particular sobre a situación de excepcionalidade derivada da covid-19.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Merecémonos un feliz ano 2021
Por Oskar Viéitez |
-
O taller dos Reis Magos prepara as carrozas coas que chegarán a Pontevedra
Por Redacción |
-
Cincuenta e oito novos contaxios nunha xornada con máis de 1.000 PCR e 922 casos activos
Por Alejandro Espiño |
-
Quendas, colas, hixiene, nervios e alegría na volta ao cole da Educación Primaria
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
"Teño ganas de estar cos compas, pero estou preocupado porque os profes non poden tocarnos"
Por Manu Otero |
-
As clases empezarán de forma escalada por cursos e os escolares deberán levar unha máscara de recambio
Por Redacción |