Cerdedo-Cotobade aforra 89.000 euros tras centralizar a adquisición de materiais
Por Redacción
O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade logrou aforrar uns 89.000 euros en formigón, materiais eléctricos e subministracións para a execución de diversas obras municipais grazas á posta en marcha dunha central de compras
Esta medida, segundo destacou o alcalde, Jorge Cubela, ademais de ser eficaz e favorecer a eficiencia no gasto público municipal "reforza a transparencia e defende o interese xeral do Concello e dos veciños", xa que a compra dos distintos lotes permite acadar máis aforro e unha mellor calidade de produtos debido á competencia.
Esta central municipal de compras organízase, á hora de mercar os materiais, en tres lotes orientados á adquisición de formigón, material de construción e subministracións eléctricas.
A través dela, o Concello non se compromete a mercar unha cantidade determinada ou máxima, senón que simplemente se garante un subministro axeitado e áxil ao prezo ofertado segundo as súas necesidades para as brigadas de Obras e Mantemento Eléctrico.
As empresas subministradoras, que contan coa habilitación empresarial para este servizo, competiron ofertando un prezo unitario de todos os materiais incluídos na licitación e tiveron que subministralo ao Concello cando se lle requiriu ao longo deste ano, xa que o prazo inicial deste primeiro concurso remata o 31 de decembro.
Ademais, as empresas que concorreron a este concurso non podían ser adxudicatarias de máis de tres lotes para evitar monopolios e todos os produtos entregados ao Concello contan co certificado homologado CE.
As empresas asumen na súa totalidade os custes do transporte ata o punto de entrega que, no caso do formigón, non pode exceder dun día e de dous nos materiais de obra. Para as subministracións eléctricas, o contrato obrígalles a servilos non máis tarde de catro días desde o momento da súa petición.
Relacionadas:
-
A Central de Compras de Cerdedo-Cotobade encara o seu cuarto ano cun orzamento de 250.000 euros
Por Redacción |
-
A Central de Compras de Cerdedo-Cotobade permite aforrar ao Concello un 18% en materiais
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade pecha as súas contas cun superávit de 349.763 euros
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade impulsa unha Central de Compras para adquirir formigón e materiais de obra e eléctricos
Por Redacción |