O Xacobeo 2021 xa ilumina Pontevedra
Por Redacción
Desde este sábado a luz do Xacobeo 2021 ilumina a cidade de Pontevedra. A igrexa de San Francisco foi o monumento elixido pola Xunta de Galicia para formar parte da iniciativa Acende o Xacobeo, coa que se pretende iniciar unha conta atrás para o Ano Santo.
Cunha cor azul, o logotipo do Xacobeo e a frecha amarela representativa, a fachada de San Francisco permanecerá iluminada ata o vindeiro luns 28 de decembro.
Esta iluminación especial foi inaugurada, entre outros, polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Acende o Xacobeo iluminará 91 monumentos singulares de toda España e, no caso de Galicia, seleccionouse un espazo de cada un dos municipios polos que pasa algunha dos roteiros de peregrinación a Santiago.
Precisamente a iluminación da Torre de Reloxo da catedral de Santiago, coñecida como A Berenguela, poñerá o broche de ouro a esta iniciativa que concluirá apenas horas antes de que se abra a porta santa e comece este Xacobeo 2021.