Os colexios de Marín reúnen unha tonelada de alimentos para repartir entre as ONG
Por Redacción
A Semana da Solidariedade, a iniciativa municipal que se desenvolveu entre o 14 e o 17 de decembro cos centros educativos da vila, foi todo un éxito. Logrouse reunir unha tonelada de alimentos que serán repartidos entre as ONG de Marín.
O obxectivo era aglutinar alimentos non perecedoiros, produtos típicos de Nadal e produtos de limpeza e hixiene persoal, que é o que máis demandan estas asociacións, para poder repartilos equitativamente entre as familias usuarias destes colectivos sociais, para que así estas festas sexan o máis igualitarias posibles.
A concelleira Marián Sanmartín agradeceu en nome de todo o Concello a colaboración de todo o alumnado "que quixo poñer o seu gran de area nesta semana solidaria" e das directivas dos centros pola coordinación para levar a cabo esta recollida dun xeito distinto a outros anos.
A esta tonelada do recollido é preciso sumar todo o que recolleu de xeito individual o CEIP A Inmaculada, que irá íntegro ao comedor social.