Comezan as rebaixas de xaneiro coa previsión de que cada pontevedrés gastará preto de 60 euros menos que en 2019
Por Mónica Patxot & Redacción
A Federación Galega de Comercio calcula que cada pontevedrés gastará entre 190 e 200 euros de media na campaña de Rebaixas de xaneiro, que se iniciaba este xoves 7, tras a celebración de Reis. Esta estimación sitúa o investimento de cada cidadán entre 40 e 60 euros menos que en 2019 debido á crise económica ocasionada pola pandemia.
A situación debido á covid-19 cambiou notablemente. Numerosos establecementos do pequeno e mediano comercio iniciaron a súa actividade promocional con descontos xa durante as datas do Nadal e non se rexistran colas masivas neste inicio da campaña que pode durar, segundo a normativa da Xunta de Galicia, ata o 7 de abril. En todo caso, si puido comprobarse durante estas primeiras horas da campaña oficial un importante número de clientes en determinados establecimientos de roupa de moda xuvenil no centro da cidade na procura de boas ofertas. Tamén podían verse numerosas persoas con bolsas de comercios polas rúas.
As imaxes durante esta xornada con máis presenza de clientes rexistrábanse nos comercios do grupo Inditex na contorna de Benito Corbal, nunha data na que tamén é habitual asistir aos establecementos para cambiar pezas e produtos que foron agasallados durante as datas do Nadal.
Desde a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) alertan aos compradores para que teñan en conta algunhas consideracións antes de verse tentados polas rebaixas e facer un gasto responsable.
Recomendan facer listas dos produtos que se necesitan para evitar compras impulsivas; fixarse en que os produtos deben formar parte da oferta habitual do establecemento durante polo menos un mes e que a súa calidade non pode ser diferente á que tiñan antes de ser rebaixados.
Tamén aconsellan que se comprobe que os obxectos rebaixados manteñen o seu prezo orixinal xunto ao rebaixado ou, na súa falta, que se indica de forma clara a porcentaxe do desconto que se aplica. En caso de condicións especiais que algúns comercios establecen para estas compras de rebaixas, os consumidores poden reclamar que estean claramente indicadas e en lugar visible.
Unha das principais peticións que se fai desde a OCU é que se conserve o xustificante de compra ou a factura simplificada das compras. Se se perde ese xustificante vai perderse tamén o dereito para cambiar, devolver ou reclamar o produto. Lembran tamén que no período de rebaixas se recortan os prezos pero non os dereitos dos consumidores polo que, ante calquera problema, débese actuar igual que noutro período do ano.
En caso dalgunha incidencia, o comprabor debe solicitar a folla de reclamacións, obrigatoria en todos os establecementos, e redactar a súa queixa. Neste sentido, lembran que é preferible elixir establecementos adheridos ao sistema arbitral de consumo xa que ofrecen máis garantías en caso de desacordo. No caso de que un problema persista, desde OCU insístese en que se reclame a unha instancia superior porque é un dereito da clientela.
Relacionadas:
-
Inicio descafeinado das rebaixas, con colas tan só nalgunhas tendas e moitos cambios de Reis
Por Natalia Puga |
-
Poucas vendas no comezo dunhas rebaixas marcadas pola pandemia e o peche perimetral
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A gañadora da cesta de Nadal de 'E-Ponte.com' xa desfruta dos seus agasallos
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Merecémonos un feliz ano 2021
Por Oskar Viéitez |
-
Misión: un Nadal libre de roubos e covid-19
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |