Centros educativos da área de Pontevedra acoden a empresas de fóra en busca de máscaras máis accesibles
Por Manu Otero
A pandemia da covid-19 está a marcar o curso escolar en Galicia. Desde o mes de setembro, as rutinas nas aulas son novas: entradas graduadas, distancia de seguridade, ventilación e uso obrigatorio de máscaras. Para que ningún estudante quede sen este elemento de protección imprescindible, a Xunta repartiu fondos entre os centros educativos públicos para a compra de máscaras e entrega aos escolares.
Unha iniciativa que non só axuda a asegurar a saúde da comunidade educativa, senón que contribúe tamén a reactivar a economía galega coa compra destes bens. Pero non en todos os casos. Unha empresa téxtil de Pontevedra, especializada desde o estalido da pandemia na confección de máscaras que cumpren con todos os estándares sanitarias que esixen as autoridades, denuncia que moitos centros da contorna están a comprar as súas máscaras a empresas de fóra de Galicia.
"A Xunta debería controlalo, o ético sería que os colexios comprasen as máscaras a empresas da zona para que o diñeiro se reinvista na contorna próxima. Aquí hai empresas téxtiles de sobra e as institucións dinnos que consumamos produtos locais", quéixase a propietaria da empresa Ben Bonito, Silvia Crespo, que puido comprobar que as máscaras entregadas a estudantes dalgúns centros de Pontevedra, Poio ou Sanxenxo procedían de lugares como Almería ou a Comunidade Valenciana.
Comprende a empresaria que as directivas destes centros "atopáronse con este morto e rexeranse polo criterio do prezo porque eles non son profesionais de compras". Aínda así, lamenta que a pesar de poñerse en contacto con múltiples colexios e institutos para ofrecer os seus produtos, de calidade, normativos e de proximidade; non conseguise chegar a un acordo. Algo que, admite, tamén lle pasou a outras empresas da contorna.
A orde da Consellería de Educación para a cesión de fondos aos centros educativos públicos fíxose oficial no mes de novembro. "Nós notamos que non había movemento, nin na miña empresa nin noutra", lembra Crespo como se deu conta desta situación. E foi nunha conversación cunha nai cando puido comprobar a orixe das máscaras entregadas nun destes centros, seguiu investigando e actualmente ten coñecemento de seis centros das comarcas de Pontevedra e O Salnés que adquiriron as súas máscaras fóra de Galicia.
Non só por non investir en empresas locais está molesta Crespo, moitas desas máscaras tampouco cumpren coa normativa UME-0065. É obrigatorio que os tecidos que integran estas pezas sexan hidrofugados e antibacterianos. Ademais deben contar co certificado dun laboratorio, remarca. Moitas das máscaras que recompilou carecen de etiquetaxe e contan cunha soa capa de tecido, por iso son máis baratas que as que confeccione no seu taller de Monte Porreiro.
Nestas instalacións adaptáronse a fabricar máscaras desde o estalido da pandemia. No mes de marzo axustaron máquinas e patróns para entregar en tempo récord un pedido para a Policía Local de Poio e desde entón non deixaron de fabricalas. "Levamos 20 anos nisto e fomos dos primeiros en fabricar máscaras", reivindica Crespo.
Nas próximas semanas aprobarase unha nova partida para a adquisición de máscaras para o profesorado dos centros educativos públicos. "Vai pasar o mesmo?", cuéstionase a empresaria pontevedresa deixando a pelota no tellado da Xunta e das directivas de colexios e institutos.
PontevedraViva púxose en contacto cun destes centros, cuxa directiva quixo matizar que desde o inicio do curso tiveron que adquirir unha gran cantidade de equipamento e que a primeira opción sempre son empresas locais. De feito, algunhas aulas contan con sistemas mecánicos de ventilación que instalou unha empresa pontevedresa, xustifica.
Con respecto ás máscaras e o resto de material sanitario, explican que no seu caso teñen diversos provedores e que ademais da localización da empresa réxense tamén polo prezo, pero as máscaras entregadas aos alumnos proceden dunha empresa de Santiago, explican con transparencia. Desde a directiva reiteran o seu compromiso coa economía local, pero piden tamén comprensión polo inxente traballo que tiveron que asumir desde o final do pasado curso.