A alcaldesa de Marín sinala o Espazo de Innovación Alimentaria como referente gastronómico
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitaba este xoves o Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria, ubicado no Parque Azul de Cantodarea, na compaña do tenente de alcaldía, Manuel Santos; o axente de emprego municipal, Alfredo Montero; o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Jesús Rey; o cociñeiro do Grupo Nove, Iñaki Bretal, e a experta en seguridade alimentaria, Elena González.
María Ramallo insistía en que estas instalacións están destinadas a ser "un espazo de referencia para empresas e para a cidadanía sobre o presente e o futuro deste sector". Na súa visita, puido coñecer as empresas e emprendedores que xa están a traballar no edificio como El Abuelo Lelo, Aceites La Pizarra e a consultoría especializada de Elena González.
"Sabemos que este espazo ten un gran potencial e queremos que se converta nun lugar no que as empresas poidan desenvolver as súas ideas innovadoras, pero no que tamén trataremos de organizar eventos e formacións que poidan atraer aos promotores da nosa economía local", declarou Ramallo.
Neste sentido, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra xa está a traballar nunha intensa programación de actividades formativas e de divulgación relacionadas con mundo gastronómico e que, dada a actual situación sanitaria, están a adaptarse á vía telemática.
Ademais dos despachos, a instalación conta cunha ampla área de cociñas, na que nun futuro próximo se poderán organizar cursos e showcookings, e cunha sala de reunións, na que se realizarán encontros entre profesionais do sector, co obxectivo de crear sinerxias para seguir traballando na innovación constante do sector gastronómico, unido a Marín e aos seus produtos de proximidade.
Relacionadas:
-
A pandemia reorienta a actividade de AJE Pontevedra cara á teleformación e aumenta os seus socios na hostalería
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Asinado o convenio para dinamizar o Espazo de Innovación Alimentaria
Por María José Pita |
-
Adxudican a El Abuelo Lelo un dos despachos do Espazo Emprendemento de Marín
Por Redacción |
-
Concello e AJE colaboran na posta en marcha dun Espazo de Innovación Alimentaria de Marín
Por Redacción |