O Concello cita os veciños de Barcelos a unha reunión en liña para explicar a reforma da praza

Por Redacción

© Concello de Pontevedra
O Concello de Pontevedra continúa coa súa rolda de reunións cos veciños para explicar os proxectos de reforma urbana. Despois do encontro cos residentes na Santiña e en Rosalía de Castro, agora chega a quenda da Praza de Barcelos. A convocatoria está dirixida tanto aos veciños como aos usuarios da praza e está fixada para o 3 de marzo ás 20 horas a través da plataforma Zoom.
Todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse no formulario da web apuntate.pontevedra.gal e recibirán unha ligazón para poder unirse á reunión.
A concellería de Obras Urbanas que xestiona Demetrio Gómez poñerá en común os aspectos da reforma da praza, que cun orzamento de 5,8 millóns de euros, implica unha redistribución de espazos, así como da circulación perimetral para favorecer a actividade comercial. As áreas infantís quedarán situadas cara a unha zona central da praza e duplicará o espazo dedicado a este uso, establecendo dúas zonas de xogo e incrementando o espazo dedicado a susos deportivos, de sombra e de zonas verdes.
No relativo a favorecer os usos comerciais, redeseñar toda a circulación perimetral da praza, o que implica a ampliación de beirarrúas pola parte sur para propiciar a instalación de terrazas. Os aparcamentos de servizos quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para inteferir o menos posible na súa actividade.
Para o tráfico manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a Cobián Roffignac. As entradas e saídas do aparcadoiro subterráneo mantéñense, pero desaparecerá a circulación desde Benito Corbal cara a San Antoniño.