A área sanitaria xestionou a doazón de 12 órganos e tecidos durante o 2020
Por Redacción
A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou desde a súa Oficina de Coordinación de Transplantes durante o 2020 a doazón dun total de 12 órganos e tecidos no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Explica o doutor José Luis Martínez Melgar, coordinador deste departamento, que na área foron detectados tres doantes, que permitiron os transplantes de 7 órganos e 5 tecidos.
En concreto, recibíronse as doazóns de catro riles, catro córneas, dous pulmóns, un fígado e un tecido óseo.
O 66 % dos doantes eran menores de 65 anos, mentres que dous dos tres doantes do pasado ano eran homes. Neste sentido, a idade do falecido segue sendo un factor determinante á hora de levar a cabo a extracción dos órganos. Dada a avanzada idade dos doantes, rexistráronse en menor cantidade doazóns de órganos torácicos e máis de órganos abdominais.
A pandemia da covid-19 afectou tamén á campaña de doazón de órganos debido á situación de emerxencia vivida nos hospitais e á perda de captación dalgúns pacientes potencialmente doantes.
No Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra son máis de vinte profesionais os que participan na extracción dos órganos.
A Oficina de Coordinación de Transplantes está integrado na actualidade por tres facultativos e dous enfermeiros, así como auxiliares, celadores e profesionais das áreas de Cirurxía, Anestesioloxía e Reanimación, Neuroloxía, Neurofisiología, Oftalmoloxía, Radioloxía, Análises Clínicas, Microbioloxía, así como persoal facultativo e de enfermería da Unidade de Coidados Intensivos como unidade xeradora dos potenciais doantes.