O coche oficial do alcalde xubílase tras 25 anos de servizo e case 300.000 quilómetros
Por Alejandro Espiño
Despois dun cuarto de século, a vida útil do coche oficial do Concello, que usa o alcalde nos seus desprazamentos institucionais, chegou á súa fin. O goberno municipal iniciou os trámites para adquirir un novo vehículo.
O coche actual, un Audi A6 turbodiesel de inxección, foi adquirido no ano 1997, sendo alcalde o popular Juan Luís Pedrosa. Custou 6,5 millóns de pesetas da época.
Con case 300.000 quilómetros ás súas costas, o vehículo atópase aparcado actualmente no parque de bombeiros de Pontevedra, á espera do seu destino final que, previsiblemente, será o despezamento, segundo confirman fontes municipais.
A avaría que sufriu hai pouco fai inviable que se poida seguir utilizando. Aseguran que a súa reparación tería un custo moi elevado, polo que o Concello decidiu adquirir un novo.
Os técnicos municipais atópanse xa traballando nos pregos do contrato para a compra do novo coche. Será un concurso aberto e, en principio, a intención é elixir un vehículo tipo berlina e con motor híbrido, con etiqueta de baixas emisións.
Esta tramitación podería estar lista en próximas semanas, de forma que o contrato poida saír a licitación, previa aprobación da Xunta de Goberno, canto antes.
Relacionadas:
-
Un Audi A6 híbrido de cor azul escura será o novo coche oficial da alcaldía
Por Redacción |
-
O novo coche oficial do alcalde será unha berlina de tecnoloxía híbrida e enchufable
Por Alejandro Espiño |
-
Unha condutora impacta contra o coche oficial do alcalde de Pontevedra e dá positivo en drogas
Por Redacción |