A Xunta anuncia que procederá nun curto prazo a expropiar os terreos para a mellora da PO-308
Por Redacción
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, avanzaba este xoves a aprobación nas próximas semanas do proxecto de mellora da seguridade viaria e a construción dunha senda no treito da estrada PO-308 entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio. Para esta actuación prevese o inicio en breve das expropiacións, que serán elevadas ao Consello da Xunta para a súa aprobación.
Desta maneira, dábase resposta a unha pregunta parlamentaria realizada polo Grupo dos Socialistas de Galicia, representado pola deputada Paloma Castro. Desde a Xunta infórmase de que a obra neste treito seguirá un procedemento similar ao do tramo O Covelo-Raxó, no que ademais de executar unha senda se actuou para reforzar a seguridade viaria, ao ser unha zona identificada como de concentración de accidentes.
Os socialistas critican que das tres sendas comprometidas pola Xunta para a PO-308 só estea rematado o treito O Covelo-Raxó. Castro acusou á Xunta de penalizar a Poio ao paralizar a mellora da seguridade na estrada PO-308, que leva 3 anos agardando polo investimento anunciado. A parlamentaria lembra que se trata dunha estrada cun alto tránsito tanto de vehículos como de peóns, máis intenso na tempada estival, ademais de ser unha das vías con maior número de accidentes e que atravesa diferentes núcleos de poboación.
Tras o anuncio do próximo inicio das obras na senda Fontenla-Combarro, restaría unha última actuación correspondente ao treito Combarro-Chancelas-Samieira. Sobre esta última vía, o director da Axencia Galega de Infraestruturas apuntou que o proxecto será sometido neste ano a un segundo proceso de información pública, unha vez mellorado como consecuencia das alegacións recibidas na primeira fase de exposición.
Relacionadas:
-
O Consello da Xunta autoriza as expropiacións para mellorar a seguridade da PO-308 entre Fontenla e Combarro
Por Redacción |
-
Feijóo sinala como exemplo de mobilidade segura ás sendas da PO-308 entre Poio e Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE pide no Parlamento a execución de dúas sendas peonís na PO-308 ao seu paso por Poio
Por Redacción |
-
Completan o asfaltado da PO-308 entre Sanxenxo e Portonovo
Por Redacción |
-
Poio traslada á delegada territorial da Xunta a necesidade de reformar a PO-308 entre a Barca e Porteliña
Por Redacción |
-
A voltas coa seguridad viaria na PO-308
Por Oskar Viéitez |