Caldas investirá preto de 200.000 euros no saneamento do lugar de Paraimas
Por Redacción
O concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, Manuel González, informou este martes de que o Concello de Caldas de Reis vai realizar un investimento de 195.956 euros na execución do proxecto saneamento de augas residuais no lugar de Paraimas, pertencente á parroquia de Saiar.
A actuación intégrase no Plan de Saneamentos do Concello de Caldas de Reis e os fondos necesarios para a intervención procederán do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra. O proxecto técnico será aprobado esta semana en Xunta de Goberno e cando a Deputación dea luz verde ao investimento iniciarase o procedemento de licitación.
O proxecto foi redactado pola enxeñeira Laura Sánchez López e consistirá en implantar unha rede de saneamento no núcleo que recolla as augas residuais procedentes das vivendas e de servizos canalizándoas ata a rede existente e en funcionamento con conexión á EDAR da parroquia, para o seu tratamento.
A rede proxectada contará dun colector principal conectado a cinco ramais con sistema separativo de augas residuais e pluviais. Toda a rede discorrerá por terreos públicos legalmente utilizables. As gabias nas que se implantarán as tubaxes trazaranse baixo a calzada e quedarán aliñadas en planta e coa rasante uniforme.
Finalmente executarase a reposición de todos os firmes e pavimentos afectados polas escavacións, renovando a totalidade da superficie de aglomerado nos camiños de titularidade municipal.
O concelleiro Manuel González, sinalou que "estamos ante unha nova actuación moi ambiciosa e importante para o rural de Caldas de Reis que contribuirá de maneira decisiva a incrementar a calidade de vida da veciñanza e a mellorar as condicións de habitabilidade do lugar de Paraimas". O edil enmarcou o proxecto nos "firmes compromisos do goberno co rural e co medio ambiente".
Polo outra banda o concelleiro delegado da parroquia de Saiar, Juan Carlos Ortigueira, puxo de manifesto que esta actuación “demostra o compromiso do goberno municipal coa parroquia e busca dar resposta a unha das principais demandas da veciñanza".