Cen estudantes da Universidade de Vigo contarán con axudas directas da Deputación para formarse internacionalmente
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo seguen estreitando lazos para fomentar a actividade do alumnado dos campus de Pontevedra e de Vigo. Este luns, a presidenta provincial Carmela Silva e o reitor Manuel Reigosa asinaban un novo convenio de colaboración entre ambas as institucións coa idea de que un centenar de estudantes poidan completar as súas bolsas para estudos internacionais en universidades europeas. O importe é de 100.000 euros para completar o financiamento cara ao curso 2021-22 para estas axudas.
Carmela Silva destacou durante esta firma que desde 2015 estableceuse desde o goberno da Deputación unha relación directa coa Universidade de Vigo e iso permitiu desenvolver diferentes iniciativas e que o coñecemento chegase tamén á administración provincial abrindo as portas para que as propostas universitarias se converteran en proxectos.
Desde ese ano asínase este convenio para completar tanto as bolsas para estudantes Erasmus como para outros programas similares. 547 estudantes beneficiáronse desde 2015 destas axudas directas por parte da Deputación, segundo explicou a presidenta. Tamén o reitor manifestaba a importancia que teñen estas achegas porque o alumnado recibe a cantidade económica ao comezo da súa estadía noutro país nun momento no que hai importantes dificultades económicas nas familias debido á crise provocada pola pandemia. Lembrou que un estudante que se move aprende costumes, idiomas e tamén desenvolve amizades noutros países que lle permiten ampliar unha visión estreita da realidade.
Achegaranse 100 bolsas de 1.000 euros cada unha que servirán para completar as bolsas do programa Erasmus e tamén as bolsas propias de intercambio internacional que ten en marcha a Universidade.
Reigosa asegurou que apostar pola formación é moi importante para poder garantir un futuro mellor e máis igualitario. Carmela Silva manifestaba tamén sentirse "moi orgullosa" da visión humanista que ofrece o máximo representante da Universidade de Vigo e considera fundamental este aspecto para mellorar o mundo que se quere construír de fronte ao futuro.
O reitor asinou, a pedimento da presidenta, no Libro de Honra da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Entrega dos Premios Sofía Novoa para traballos universitarios con perspectiva de xénero
Por Redacción |
-
Inspira STEAM, un proxecto pioneiro que se afianza coa colaboración entre UVigo e Deputación
Por María José Pita |
-
A Deputación súmase á Universidade de Vigo para fomentar vocacións científicas entre as nenas
Por Oskar Viéitez |