Xuntos Asociación de Síndrome de Down presenta á Xunta un plan de empoderamento de mulleres con discapacidade intelectual
Por Redacción
A Consellería de Emprego e Igualdade apoiará o desenvolvemento de programas de inclusión de mulleres en situación de especial vulnerabilidade a través do colectivo Xuntos Pontevedra Asociación de Síndrome de Down e da Asociación pola Igualdade e Coeducación (Apico) de Marín.
Luís López, delegado da Xunta en Pontevedra, visitaba este martes as instalacións de Xuntos Down na Rúa do Gorgullón para informar da concesión das axudas a diferentes colectivos que traballan pola igualdade en distintos ámbitos por un importe global de máis de 33.000 euros.
A iniciativa que promove Down Pontevedra, segundo o seu presidente Manuel Pérez Cabo, céntrase en desenvolver un programa para empoderar ás mulleres entre o colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Este plan contará cun mínimo de 30 participantes e impartirase con 1.290 horas destinadas á formación. A Xunta inviste neste proxecto 15.232 euros.
O representante da administración autonómica destacou o labor que desenvolve esta entidade que cumprirá trinta anos consecutivos de traballo para apoiar a inclusión das persoas con síndrome de Down coa implicación de familiares.
A Consellería de Emprego e Igualdade tamén destina unha achega de 18.163 euros para a Asociación pola Igualdade e a Coeducación de Marín. Con este diñeiro activarase un plan de loita, información e apoio integral ás vítimas de violencia de xénero. A iniciativa contará coa participación de 30 persoas e desenvolverase ao longo de 1.300 horas de formación.
Relacionadas:
-
Tanatorio San Marcos, Distribuciones Froiz e Matriuska Producciones colaboran na inserción laboral de persoas de Down Xuntos
Por Redacción |
-
A Xunta destinará 1,4 millones de euros a programas en favor de mulleres vulnerables
Por Redacción |
-
San Francisco ilumínase polo Día Mundial da Síndrome de Down
Por Redacción |
-
Demandan unha adaptación da idade de xubilación para as persoas con síndrome de Down
Por Redacción |