A APDR denuncia a ENCE no xulgado polos escapes producidos o pasado mes de agosto
Por Redacción
Os escapes producidos en Ence o pasado mes de agosto volverán enfrontar nos tribunais á pasteira coa Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra. O colectivo ecoloxista presentou unha denuncia no Xulgado de Garda por ditos incidentes ao recordar que provocaron "afectación na saúde a un certo número de veciños de distintas zonas da cidade" que relataron "molestias na gorxa, ollos e vías respiratorias e certas dificultades para respirar".
A APDR, que aporta novas publicadas en diversos comunicación e varios escritos dirixidos á Xunta pola asociación, denuncia que ENCE tardou case 24 horas en recoñecer a existencia de varias avarías nas instalacións de Lourizán "e só despois das citadas denuncias veciñais e da mobilización dos servizos de emerxencia por parte do Concello de Pontevedra", unha actitude que non dubida en cualificar de "irresponsable e de "total desprezo pola cidadanía".
No seu escrito ante o xulgado, a APDR tamén denuncia a "permisividade" da Xunta á hora de fixar os niveis máximos de emisión de produtos químicos á atmosfera na autorización ambiental a Ence. Se os escapes se achegaran a ese límite, din desde o colectivo, "os danos para a saúde das persoas terían sido gravísimos" e aínda así, sinalan, cun valor claramente inferior, xa houbo veciños con problemas respiratorios.
Sobre a Administración autonómica, a asociación critica que "se limitou a transmitir a idea de que aqueles niveis de emisión teñen que ser soportados pola cidadanía pola única razón de estar por baixo dos niveis permitidos". Entende que a Xunta de Galicia está manifestando que, de volver a darse unha situación similar, "a cidadanía tería que soportar as molestias, con independencia de cales foran as afectacións sobre a súa saúde, primando en todo momento o dereito outorgado á empresa a contaminar, por riba do dereito das persoas á saúde".
PROPOSTAS NA DENUNCIA
A APDR propón distintas dilixencias de proba ao Xulgado de Garda, entre outros que se dirixa de oficio ao Concello de Pontevedra para que emitan un informe coas chamadas recibidas os días 11 e 17 de agosto relacionadas coas emisións de Ence (número de chamadas recibidas no 092, zonas de procedencia das chamadas, identificación das persoas que chamaron ou os números de teléfono dende onde se realizaron as chamadas).
Ademais, piden que se emita un informe dos Bombeiros indicando se como resposta ás demandas da cidadanía levou a cabo algunha actuación e, no seu caso, en que consistiu tal actuación e finalmente que se dirixa oficio á Xunta de Galicia a fin de que remitan copia das actuacións levadas a cabo desde o goberno galego como consecuencia das emisións de Ence, e particularmente das medicións realizadas polos servizos autonómicos que permitiron afirmar que os niveis das emisións de Ence estaban por dentro dos límites fixados na autorización ambiental.
En función de toda esta información, a APDR solicita a incoación de dilixencias previas co fin de determinar se dos feitos denunciados se poden derivar responsabilidades penais.
Relacionadas:
-
ENCE prepara xa a solicitude de prórroga en Lourizán e Arregui arremete contra o goberno local e a APDR
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
A APDR denunciará á Xunta no caso de que prorrogue a autorización ambiental de Elnosa
Por Redacción |
-
Os escapes en Ence foron "inocuos", di a Xunta, que anima a Lores a "actuar en consecuencia" se non o cre
Por Oskar Viéitez |
-
Lores responde a ENCE: "Cando o fume sae ao aire e cheira, leva substancias. Non é vapor de auga"
Por Alejandro Espiño |
-
Veciños de Pontevedra quéixanse dun novo escape en ENCE e a empresa négao
Por Anxo Lourido |