A Xunta conclúe os trámites ambientais necesarios para a ampliación da EDAR de Vilagarcía
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de enviar a Augas de Galicia o informe de impacto ambiental do proxecto de ampliación da estación depuradora de augas residuais, EDAR, de Vilagarcía. Desta forma, este departamento da Xunta conclúe os trámites ambientais necesarios para a execución prevista nesta infraestrutura hidráulica e insta ao Concello arousán a que axilice a tramitación municipal correspondente.
No documento fai constar que "non se esperan efectos significativos sobre o medio ambiente, senón todo o contrario, xa que a ampliación da actual depuradora terá, desde este punto de vista, un impacto positivo, ao resolver as deficiencias actuais do seu funcionamento". O informe de impacto ambiental enviado a Augas de Galicia recolle tamén a necesidade de realizar unha inspección e inventario de posibles rexistros arqueolóxicos na parcela na que se execute a ampliación da depuradora.
Ademais, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, engade que durante a execución das obras, nas que se prevé movemento de terras, recoméndase establecer medidas correctoras adecuadas para evitar as emisións de po e que as súas partículas non cheguen ás vivendas próximas. Precaucións que igualmente recomieda para o medio mariño a fin de evitar o incremento de sólidos en suspensión. A este respecto recomenda adecuar o calendario de obras aos biorritmos dos recursos marisqueiros e pesqueiros.
Actualmente a depuradora presenta deficiencias de capacidade e de funcionamento. Neste proxecto a administración autonómica ten previsto investir 23,1 millóns de euros para aumentar a capacidade de tratamento da depuradora, duplicando a capacidade actual. A actuación igualmente contempla intervir na rede de saneamento municipal, para solucionar os problemas dos colectores e que conlevarán un montante económico de 10,5 millóns de euros.
Relacionadas:
-
O PP ve con preocupación que Vilagarcía sexa o concello con maior débeda viva da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Caldas, Portas e Vilagarcía asumirán o acondicionamento periódico da Vía Verde
Por Redacción |
-
Vilagarcía licita a elaboración do plan que marcará as pautas da mobilidade urbana para a vindeira década
Por Redacción |